Hoxe é Venres 31 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior aproba a Conta Xeral cunha débeda cero

pleno ordinario 01

O Pleno do Concello de Soutomaior aprobou  a Conta Xeral correspondente ao último exercicio, un documento que recolle a execución do orzamento municipal e que, segundo o Goberno local, confirma a boa saúde económica das arcas municipais. A sesión, a primeira celebrada no renovado salón de plenos, serviu para dar luz verde a unhas contas que reflicten o cumprimento de todos os indicadores económicos e financeiros esixidos pola normativa.

A Conta Xeral recolle que o orzamento do Concello pasou dos 6,2 millóns de euros iniciais ata un importe definitivo próximo aos 10 millóns de euros ao longo do exercicio. O alcalde, Manu Lourenzo, sinalou que estes datos permiten incrementar os investimentos e mellorar os servizos públicos, ao tempo que destacou que o municipio se atopa na mellor situación económica da súa historia.

Entre os principais indicadores figura o cumprimento da estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, así como a ausencia de débeda financeira. Ademais, o Concello presenta un período medio de pagamento aos provedores de 7,54 días, unha cifra que evidencia, segundo o executivo local, a capacidade da administración para atender os seus compromisos económicos con rapidez.

O Goberno municipal tamén puxo en valor que actualmente hai máis de catro millóns de euros en obras e actuacións en diferentes fases de execución, licitación ou próximas ao seu inicio, o que considera unha mostra do nivel de investimento que se está a desenvolver no municipio. O rexedor aproveitou a sesión para agradecer o traballo do persoal municipal, ao que atribuíu parte dos resultados acadados.

A aprobación da Conta Xeral saíu adiante cos votos favorables dos grupos que integran o Goberno local, mentres que o grupo municipal do Partido Popular optou pola abstención. Desde o executivo consideran que estes resultados consolidan un modelo de xestión baseado no rigor económico, a responsabilidade financeira e a captación de recursos para continuar impulsando proxectos destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará