Sesenta mozas e mozos de entre 12 e 17 anos participan esta semana no Campamento de Surf de Razo, unha das actividades incluídas na programación de Verán Activo do Concello de Soutomaior. O alcalde, Manu Lourenzo, e a concelleira Charo Bouzón visitaron aos participantes nas instalacións de ArtSurfCamp, na praia de Razo (Carballo), onde puideron coñecer de primeira man o desenvolvemento desta proposta estival.
O campamento, que un ano máis esgotou todas as súas prazas, combina clases de surf adaptadas aos distintos niveis con rutas de sendeirismo, actividades deportivas, veladas nocturnas e dinámicas de convivencia. O obxectivo é ofrecer á mocidade unha alternativa de lecer saudable, fomentando o compañeirismo, os hábitos de vida activos e o respecto pola contorna natural.
Durante a visita, o alcalde destacou que esta iniciativa permite á mocidade “desfrutar dun verán activo, facendo deporte, coñecendo unha contorna natural excepcional e creando amizades e experiencias que lembrarán durante moito tempo”. Lourenzo asegurou que o Concello continuará apostando por actividades de calidade dentro do programa Verán Activo, que busca ofrecer opcións de ocio educativo e accesible durante as vacacións de verán. O campamento remata este 30 de xullo, coa volta dos participantes a Soutomaior tras cinco días de deporte, convivencia e experiencias á beira do mar.









