A histórica regata da Liga Galega A de Traiñeiras celebrarase a partir das 10.00 horas nun dos campos de competición máis esixentes de Galicia, marcado polas cambiantes condicións do vento na enseada de San Simón.
O Porto de Cesantes converterase este domingo 2 de agosto no epicentro do remo galego coa celebración da XLI Bandeira Concello de Redondela, unha das probas máis veteranas e prestixiosas do calendario autonómico. A regata, puntuable para a Liga Galega A de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia 2026, arrancará ás 10.00 horas e reunirá a todos os clubs da máxima categoría nun escenario que cada ano atrae a milleiros de afeccionados.
A presentación oficial da competición celebrouse este xoves no propio peirao de Cesantes. No acto participaron o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, a tenente de alcaldesa, Rita Pérez, e os representantes da directiva do Círculo Cultural Deportivo de Cesantes, Jorge Crespo e Diego González. O club cesantino é o encargado da organización dunha cita que alcanza xa a súa corenta e unha edición e que se consolidou como unha referencia dentro do remo galego.
Un dos grandes atractivos da Bandeira Concello de Redondela é o seu campo de regatas. A enseada de San Simón está considerada polos propios remeiros como un dos percorridos máis complexos de Galicia debido ás constantes variacións do vento, que poden alterar o desenvolvemento da competición en cuestión de minutos. Esa circunstancia obriga ás tripulacións a combinar forza, técnica e capacidade de adaptación para optar á vitoria, facendo que cada edición resulte especialmente emocionante tanto para os participantes como para o público.









