Foto cedida
O Consello Parroquial de Cesantes deu luz verde por unanimidade ao inicio dos trámites para impulsar a futura Senda do Pexegueiro. A proposta, presentada polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy como único punto da sesión extraordinaria celebrada o 29 de xullo, recibiu o respaldo de todos os colectivos da parroquia presentes e tamén dos grupos políticos con representación no órgano.
Segundo explicou o Obradoiro durante a reunión, o primeiro paso será a apertura do correspondente expediente administrativo para inventariar os camiños que formarán parte da senda. O proxecto contempla tamén a sinalización e limpeza do percorrido, así como a adecuación dos distintos tramos e a xestión da solicitude para construír un paso inferior baixo a estrada N-550, considerado unha actuación clave para mellorar a seguridade viaria.
Desde o colectivo lembran que este paso subterráneo permitiría conectar con maior seguridade as dúas beirarrúas da estrada nacional, evitando que os peóns teñan que percorrer unha longa distancia ata os pasos de peóns situados en Santa Mariña e no Alto de Cesantes. Ao tratarse dun paso amplo, consideran que resolvería un dos principais problemas de mobilidade da zona.
O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy valora moi positivamente o apoio unánime recibido no Consello Parroquial e confía en que os trámites administrativos comecen “canto antes” para facer realidade a Senda do Pexegueiro no menor prazo posible. Mentres tanto, a entidade anuncia que continuará colaborando co Concello de Redondela na organización dos roteiros divulgativos que, segundo destaca, están a contar cunha importante aceptación entre a veciñanza.









