O Club MeigArco celebra este sábado 1 de agosto o seu I Torneo 3D en liña Concello de Redondela, unha cita que reunirá nas instalacións do club a máis de 40 arqueiros e arqueiras procedentes das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra. Trátase dunha competición innovadora dentro desta modalidade deportiva, que se desenvolverá integramente nas instalacións do club, situadas na Estrada Pazos de Borbén, 171, en Redondela.
A competición disputarase nun percorrido único de 24 dianas tridimensionais, que reproducen figuras de animais. Cada participante deberá lanzar dúas frechas por diana, cun tempo máximo de 90 segundos para completar cada serie. A principal novidade do torneo é que se trata dunha modalidade en liña, na que os arqueiros disparan desde unha mesma liña de tiro cara ás figuras 3D, unha fórmula pouco habitual que busca ofrecer unha competición máis dinámica e accesible sen renunciar á precisión que caracteriza ao tiro con arco. O torneo está aberto ás categorías sénior nas divisións de recurvo, composto, espido, tradicional e longbow.
A recepción dos participantes comezará ás 16.00 horas, mentres que a competición arrancará ás 17.00 horas e está previsto que remate arredor das 19.30. Desde o Club MeigArco destacan que esta primeira edición nace coa intención de consolidarse no calendario autonómico.










