As familias do IES Soutomaior amosaron a súa preocupación pola decisión da Consellería de Educación de non autorizar a impartición da materia de Latín I en 1º de Bacharelato para o vindeiro curso, ao non acadar o mínimo de cinco alumnos matriculados que esixe a normativa. Ata agora, este tipo de excepcións viñan sendo autorizadas, pero este ano a solicitude foi denegada. Desde o centro aclaran que a única petición formal presentada foi a de manter Latín I, xa que no caso de Debuxo Técnico, aínda que había dúas alumnas interesadas, non se solicitou a súa continuidade porque o departamento non dispón de carga horaria suficiente para impartila.
As familias alertan de que a desaparición de Latín I elimina unha materia troncal da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, obrigando ao alumnado a cursar Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais como única alternativa. Ademais, lembran que o Latín é unha materia de continuidade, polo que quen non poida cursala en primeiro tampouco poderá facelo en 2º de Bacharelato, reducindo as posibilidades de acceso a graos universitarios relacionados coas Humanidades, onde esta materia ten unha elevada ponderación. Educación propón como alternativa cursala en modalidade en liña, con exames presenciais en Santiago de Compostela, unha opción que as familias consideran insuficiente ao tratarse dunha materia cun importante compoñente práctico. Engaden tamén que a profesora de Latín conta con destino definitivo no IES Soutomaior e continuará impartindo outras materias no centro, polo que consideran que existen recursos para manter esta asignatura.
Ante esta situación, a ANPA presentará un escrito ante a Inspección Educativa para solicitar que se reconsidere a decisión e se autorice a impartición de Latín I, ao tempo que reclama unha maior oferta educativa para o alumnado. Pola súa banda, o Concello de Soutomaior solicitou unha reunión urxente coa Xefatura Territorial de Educación para analizar o caso e buscar unha solución que garanta a igualdade de oportunidades. O Goberno local considera que a redución da oferta educativa limita a liberdade de elección dos estudantes e defenderá a necesidade de manter un Bacharelato completo que evite que os mozos e mozas do municipio queden en desvantaxe respecto ao alumnado doutros centros de Galicia.









