Os colectivos veciñais de Vilar emitiron un comunicado no que expresan a súa “profunda preocupación” polo ton empregado durante o debate da moción sobre os Consellos Parroquiais no último pleno do Concello de Redondela. As entidades consideran que, malia tratarse dunha iniciativa presentada por un grupo político e allea ás asociacións, membros do goberno municipal aproveitaron a sesión para realizar descualificacións e expresións ofensivas contra o movemento veciñal e a súa veciñanza. Ademais, lamentan que no debate se recorreran a acusacións que cualifican de “especialmente graves”, entre elas a utilización de conceptos como o machismo, que, ao seu xuízo, non deben empregarse como ferramenta de confrontación política nin para desacreditar persoas ou colectivos.
No comunicado, os colectivos tamén cargan contra a intervención do representante de AER, que consideran “impropia do cargo e da responsabilidade institucional” polo ton empregado e polas afirmacións realizadas contra asociacións de distintas parroquias que, segundo subliñan, non tiñan relación coa moción debatida. As entidades defenden a súa independencia e lembran que levan anos desenvolvendo un labor altruísta na organización de actividades culturais, deportivas e sociais, fomentando a participación cidadá e colaborando coas administracións cando é necesario. Por iso, consideran inxusto que se poña en dúbida a súa traxectoria ou que se lles sitúe no centro dun debate político do que aseguran non formar parte.
As asociacións advirten de que este tipo de comportamentos contribúen a deteriorar a convivencia, aumentar a desafección cidadá e prexudicar a imaxe das institucións. Tamén consideran que estas actitudes poden comprometer o funcionamento dos Consellos Parroquiais ao desanimar a participación dos colectivos veciñais. Finalmente, fan un chamamento a todos os grupos políticos para recuperar o respecto institucional, centrar o debate nos problemas reais da cidadanía e manter fóra da confrontación partidista ás entidades sociais e culturais. “As asociacións non somos adversarios políticos nin o problema; queremos formar parte da solución”, conclúe o comunicado asinado polos colectivos veciñais de Vilar.
O comunicado chega despois do pleno no que saíu adiante a moción presentada polo PP sobre o funcionamento dos Consellos Parroquiais, aprobada cos votos favorables dos populares, a abstención do BNG e o rexeitamento de PSOE e AER. A iniciativa reclamaba unha maior posta en valor destes órganos de participación, a elaboración dun informe sobre o cumprimento dos seus acordos e incluía a reprobación da presidenta do Consello Parroquial de Vilar, Iria Vilaboa. Durante o debate, PSOE e AER defenderon á concelleira socialista e denunciaron que fora obxecto de actitudes machistas nas reunións do consello, mentres que o BNG, aínda que se abstivo, criticou o deterioro no funcionamento destes órganos e pediu recuperar o seu papel como espazos de diálogo e participación cidadá.









