Hoxe é Luns 27 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Decenas de persoas mobilízanse en Cesantes para defender San Simón como Illa da Memoria

756807527_10236463446065972_4661316874844220273_n (1)

Fotos de Quino Vilas

O Colectivo Republicano de Redondela volveu concentrar este domingo en Cesantes a decenas de persoas para reclamar o recoñecemento da Illa de San Simón como espazo de memoria histórica, coincidindo coa celebración do festival Sinsal. A mobilización, baixo o lema San Simón: Illa da Memoria! Respecto ás vítimas, incluíu  a intervención de Juan Miguel Blanco “Morta”, presidente do Colectivo Republicano de Redondela, así como representantes do Concello de Redondela coa presenza da concelleira de Cultura Rita Pérez, tamén do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, da Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas, do colectivo Arte Lixo e de Sinha Paca, xunto con formacións políticas e o apoio de Alén Nós.

O acto contou ademais cunha representación teatral a cargo das actrices do grupo comunitario de teatro de Redondela, coa colaboración de Andrés Giráldez, un acto simbólico no mar coa representación das madriñas e rematou cunha homenaxe ás persoas presas na Illa durante a represión franquista diante do monólito de San Simón.

O Colectivo Republicano reiterou que a súa oposición non é ao uso de San Simón, senón á organización de actividades que, ao seu xuízo, ignoran o seu pasado como campo de concentración franquista. A entidade insistiu en que a Illa debe manterse como un espazo de memoria, homenaxe ás vítimas e divulgación histórica, e reclamou á Xunta que non autorice a celebración de eventos privados, festas ou outras actividades alleas á memoria do lugar, comparando esta situación coa imposibilidade de organizar celebracións en antigos campos de concentración como Auschwitz.

Na mobilización tamén participaron representantes políticos do BNG e PSdeG-PSOE de Redondela e contaba co apoio de AER. O bloque nacionalista, representado polo seu responsable local, Jose Rodríguez, interveu na quenda reservada ás organizacións políticas. Na súa intervención lembrou as iniciativas impulsadas nos últimos anos tanto no Parlamento de Galicia como no Concello de Redondela para regular os usos do espazo, garantir o acceso público e reforzar o seu papel como lugar de memoria das vítimas da represión franquista.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará