Hoxe é Luns 27 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela suma un segundo posto feminino en Oleiros e vive unha xornada complicada na Liga ACT

WhatsApp Image 2026-07-27 at 15.07.55

Foto de MAChremo

Fin de semana de luces e sombras para o Club de Remo Chapela. Mentres a traiñeira feminina volveu subir ao podio cunha segunda posición na Bandeira de Oleiros, o equipo masculino da Liga ACT pechou unha xornada difícil en Getxo, onde rematou noveno e cae ao último posto da clasificación xeral.

As remeiras de Chapela continúan demostrando o seu excelente estado de forma na Liga Galega Feminina de Traiñeiras. Na Bandeira de Oleiros, disputada este sábado, conseguiron unha valiosa segunda posición nunha regata marcada polo cambio de formato. Un problema coa colocación das boias obrigou aos xuíces a converter a competición nunha contrarreloxo, na que cada embarcación competiu de maneira individual.

Chapela e Tirán volveron protagonizar o duelo pola segunda praza da clasificación xeral. Nesta ocasión, as beretes foron cinco segundos máis rápidas que as moañesas, consolidando a súa posición na liga. A vitoria foi, unha vez máis, para Perillo, que se impuxo con 13 segundos de vantaxe sobre Chapela e reafirmou o seu liderado.

Na Liga Galega B, a segunda traiñeira masculina de Chapela non puido mellorar os seus resultados e terminou na última posición entre as embarcacións que puntuaron, favorecida unicamente pola descualificación de Bueu B. O triunfo foi para Rianxo, seguido de Salgado Perillo.

A cara máis amarga da fin de semana chegou na Liga ACT. A traiñeira masculina de Chapela finalizou novena na Bandeira de Getxo nunha regata condicionada polo forte empeoramento do estado do mar ao longo da mañá. Os beretes competiron na primeira quenda e non conseguiron aproveitar que as condicións fosen máis favorables inicialmente, mentres que embarcacións como Urdaibai acabaron sacando partido do desenvolvemento da regata para facerse coa vitoria.

O equipo adestrado por Juan Zunzunegui non puido manter o ritmo dos seus rivais directos pola permanencia. Ares rematou quinta, sumou máis puntos e supera agora a Chapela na clasificación xeral. A embarcación da Arealonga pasa así a ocupar a última posición da Liga ACT, a dous puntos do conxunto ferrolán, nunha situación que a obriga a reaccionar na segunda metade da tempada para abandonar os postos de descenso directo.

A pesar das dificultades, Chapela conseguiu deixar por detrás a Hondarribia, Donostiarra e San Juan na clasificación da regata, un resultado insuficiente para evitar un duro revés nunha fin de semana na que o estado do mar acabou sendo decisivo no desenlace da proba.

Sinalar que CCD Cesantes –Rodavigo continúan un ano máis participando na Liga Galega de Traiñeiras coa embarcación masculina. Esta fin de semana quedou cuarto na súa queda na X Bandeira Concello de Mugardosda Liga A e mantense no noveno posto da clasificación xeral.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará