Hoxe é Sábado 25 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As orquestras do momento soarán na Semana Grande de Soutomaior: Panorama, Kubo e París de Noia

souto

A III edición da Semana Gran de Soutoamior celebrarase entre o 1 e o 7 de agosto cun programa que inclúe unha ampla variedade de actividades para todos os públicos, desde concertos de pequeno formato e sesións vermú ata un espectáculo de cociña en directo e un xantar popular. O torreiro da Feira da Dez (Candán), a carón do campo municipal de fútbol Graciano Padín, encherase coa música das mellores orquestras do actual panorama galego e estatal.

Un proxecto que “naceu do convencemento de que Soutomaior concello e tamén Soutomaior parroquia merecían un evento destas características cunha veciñanza que se volcou dende o primeiro momento nesta celebración”. Así o destacou o alcalde Manu Lourenzo na presentación da festa nun acto no que estivo acompañado polos concelleiros Pablo Garrido e Gonzalo Outeiro, por membros da Asociación de Empresarios de Arcade e Soutomaior, representantes das asociación de veciños e varios cociñeiros do concello que participarán nesta III Semana Grande.

A apertura das festas terá lugar o sábado 1 de agosto co tradicional chupinazo desde a Casa do Concello, ás 21.00 horas, acompañado pola Mekanika Rolling Band, que protagonizará un pasarrúas ata a contorna da Igrexa do Divino Salvador. A noite continuará co concerto da Orquestra Bravú Xangai, unha das formacións máis singulares do panorama musical galego, que actuará a partir das 23.00 horas.

A programación reserva tamén un espazo destacado para a gastronomía local. O domingo 2 de agosto celebrarase o Día da Cociña de Soutomaior, cunha sesión vermú amenizada por Biversión, integrado por Lucía Lugrís e Víctor Movilla; un show cooking e degustación a cargo de cociñeiras e cociñeiros do municipio; o tradicional xantar popular da veciñanza —con inscrición previa ata o 29 de xullo nas oficinas xerais do Concello— e a actuación do Dúo A Visión durante a tarde.

Un dos pratos fortes da programación será o paso por Soutomaior de tres das orquestras máis demandadas de Galicia. O luns 3 de agosto chegará ao Torreiro da Feira da Dez, en Candán, a Orquestra Panorama, acompañada da sesión de La Mega CD. O mércores 5 será a quenda da Orquestra Kubo e da discomóbil Dolce Vita, mentres que o venres 7 as festas pecharanse coa actuación da Orquestra París de Noia e da discomóbil EME Music.

As tradicións tamén terán un papel protagonista durante a Semana Grande. O xoves 6 de agosto celebrarase o Día de San Salvador, coa procesión acompañada pola Banda de Música Artística de Arcade, mentres que o venres 7 terá lugar a tradicional Romaría de San Caetano na ermida situada no Castelo de Soutomaior, coa sesión vermú amenizada por Aires da Castrelada.

SERVIZOS COMPLEMENTARIOS

Haberá servizo de autobús lanzadeira, os días 3, 5 e 7 de agosto que irá desde o Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’ ata o Torreiro da Feira da Dez (Candán) en horario de 21:30h a 23:30h horas e de 00.00 a 03.00 h.  O percorrido do bus será continuo de ida e volta nos horarios indicados.

Unhas celebracións que se desenvolverán en dous espazos principais: O torreiro da Feira da Dez (Candán), a carón do campo municipal de fútbol Graciano Padín, encherase coa música coas mellores orquestras do actual panorama galego e estatal e o torreiro ao carón da Igrexa de San Salvador.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará