Hoxe é Venres 24 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Dakidarría estrea en Redondela os novos temas do seu próximo disco no concerto polo Día da Patria Galega

dakidarría

Dakidarría regresa este 25 de xullo a Redondela para protagonizar un dos concertos da programación do Día da Patria Galega en Chapela. A banda, unha das grandes referencias do ska-punk galego desde hai máis de dúas décadas, chega inmersa nunha nova etapa creativa, coa publicación de varios adiantos do seu próximo traballo discográfico, previsto para finais deste ano. A actuación será no paseo marítimo de Chapela nun concerto no que actuará tamén De Vacas, Hugo Guezeta e a artista local Noite.

Levan meses presentando “pequenas pinceladas” do novo álbum. Tras publicar varios sinxelos entre 2024 e 2025, entre eles A primeira estrela que saia, a banda continuará adiantando novos temas despois do verán antes da saída do disco completo.

“Algunhas destas cancións xa están totalmente integradas nos directos e a resposta está sendo moi boa. A nosa xente canta tanto o novo como o vello e iso é, ao final, Dakidarría”, sinala Gabri.

Gabri avanzou que o próximo disco continuará a liña iniciada con Colaxe (2022), mesturando temas reivindicativos con outros máis emocionais e unha ampla variedade estilística. Polo momento, o grupo aínda non decidiu o título do traballo, xa que considera que “o importante son as cancións” e confía en que o nome xurda de maneira natural durante o proceso final.

O concerto en Chapela terá tamén un significado especial para a banda. Ademais de coincidir co Día da Patria Galega, Dakidarría garda unha estreita relación con Redondela, onde xa actuou en varias ocasións. “Sempre hai moi boa acollida. Redondela coida a cultura, especialmente a cultura do país, e iso é de agradecer”, afirma Gabri, quen tamén lembrou o papel de iniciativas como o Festival Millo Verde, que cualificou como “un exemplo de como medrar pouco a pouco, con criterio e mantendo as ideas por diante”.

Sobre o momento que vive a música en galego, o vocalista considera que nos últimos anos se produciu un importante cambio e que cada vez existe unha maior presenza de propostas en galego. Con todo, advertiu de que as modas tamén poden diluír o seu carácter reivindicativo e convertese en mera publicidade. “Cantar en galego hoxe en día segue sendo político pola situación de emerxencia lingüística e non podemos deixar que sexa unha mera publicidade ou moda. Nós estaremos aí, como sempre, para seguir metendo o dedo no ollo e continuar molestando”, resumiu.

Por outra banda, Redondela celebra hoxe o acto institucional polo Día Nacional de Galicia ás 20.30 horas, para continuar co festival folclórico na Praza da Torre cos grupos Anaquiños, Froles Mareliñas, Airiños de San Simón e O Carballo das Cen Pólas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará