A corporación aprobou por unanimidade a moción presentada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, na que se reclama á Xunta de Galicia a cobertura das seis prazas vacantes de médicos de Atención Primaria no municipio e a recuperación da atención sanitaria en horario de tarde nos centros de saúde de Redondela e Chapela, garantindo para iso o persoal necesario.
O acordo plenario pon o foco na situación actual da sanidade pública, marcada, segundo recolle o documento, pola falta de profesionais e de investimento. Unhas carencias que, advirte a moción, están a provocar atrasos na atención, un incremento das listas de espera, a saturación dos centros de saúde e dos servizos de urxencias e maiores dificultades para ofrecer unha asistencia sanitaria axeitada á cidadanía.
No caso de Redondela, a Plataforma denunciou a existencia de numerosas prazas de persoal médico e de enfermaría sen cubrir e sinalou que milleiros de veciños e veciñas non dispoñen actualmente dun médico de referencia. Ademais, alertou de que esta situación pode empeorar durante o verán debido ás vacacións e ás xubilacións do persoal sanitario. A organización lembrou tamén que durante os meses estivais non existe atención primaria en quenda de tarde nos centros de saúde do municipio, polo que moitos pacientes son derivados ao servizo de urxencias.
A moción aprobada solicita á Xunta de Galicia un reforzo da Atención Primaria mediante un maior investimento, a incorporación de máis profesionais e a posta en marcha de medidas que permitan garantir unha sanidade pública accesible, próxima e de calidade.
Durante o debate, AER denunciou o deterioro progresivo do sistema sanitario, unha situación que, segundo a formación, se fai evidente “día a día”. A agrupación advertiu de que detrás deste empeoramento da sanidade pública existe unha aposta por favorecer o papel das empresas privadas no ámbito sanitario.
Na mesma liña, o BNG acusou ao Partido Popular de seguir “unha folla de ruta que busca entregar os servizos públicos ás empresas privadas”. A formación nacionalista incidiu especialmente na situación da Atención Primaria en Redondela, onde, segundo denunciou, “xa non hai médicos de cabeceira en horario de tarde nos centros de saúde do Concello”.
A portavoz socialista, Iria Vilaboa, fixo un repaso pola situación dos centros de saúde de Chapela e Redondela. Denunciou que nos últimos meses se rexistraron períodos de máis de dez días sen médico pola tarde, xornadas nas que só cinco profesionais tiveron que asumir toda a atención e mesmo episodios nos que as urxencias quedaron sen persoal médico, sendo a técnica da ambulancia a encargada de prestar a primeira asistencia. Unha realidade que, segundo apuntou, se agrava durante os meses de verán.
Pola súa banda, o Partido Popular mostrou o seu desacordo con que a moción se centrase exclusivamente na situación de Redondela e de Galicia, ao lembrar que os problemas da sanidade pública afectan tamén ao resto do Estado, como, segundo indicaron, evidencian as folgas protagonizadas polo persoal médico nos últimos meses.
Malia estas discrepancias, os populares apoiaron a iniciativa. A formación xustificou o seu voto favorable sinalando que “nós tamén somos usuarios da atención pública e tamén queremos que haxa máis médicos”.









