Hoxe é Venres 24 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP saca adiante a reprobación da presidenta do Consello Parroquial de Vilar

VILAR

O pleno aprobou a moción do PP para reclamar unha maior posta en valor dos consellos parroquiais e reprobar á presidenta do Consello de Vilar, Iria Vilaboa, nun debate no que PSOE e AER pecharon filas coa edil socialista e denunciaron que fora vítima de actitudes machistas. O BNG, que se abstivo, criticou o funcionamento destes órganos de participación.

O pleno municipal aprobou a moción presentada polo PP na que se abordaba o funcionamento dos consellos parroquiais así como a reprobación da concelleira Iria Vilaboa, presidenta do Consello Parroquial de Vilar. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e o rexeitamento de PSOE e AER. Na moción, os populares acusan a Vilaboa de manter actitudes de menosprezo cara aos representantes veciñais que participan neste órgano consultivo. Ademais, reclaman que o goberno local elabore, no prazo máximo de tres meses, un informe sobre o grao de cumprimento dos acordos adoptados nos diferentes consellos parroquiais.

A encargada de defender a proposta foi a concelleira popular Vanesa González. Segundo explicou, estes órganos “non están a cumprir os obxectivos cos que naceron”: favorecer a participación cidadá, dar resposta ás demandas das asociacións veciñais e facer un seguimento dos compromisos adquiridos polo Concello. Ao seu xuízo, o goberno limítase a convocalos “como un simple trámite para cubrir o expediente”.

A popular insistiu tamén nas críticas á presidenta do Consello Parroquial de Vilar, á que acusou de “faltar ao respecto aos integrantes deste organismo”.

Vanesa González, PP

A portavoz socialista, Rita Pérez, rexeitou de plano esas acusacións e asegurou que o único obxectivo da moción era desgastar ao goberno municipal atacando a unha das súas concelleiras. Afirmou que o PSOE está disposto a revisar o funcionamento e mesmo a normativa dos consellos parroquiais, pero non a avalar “un relato que non se corresponde co acontecido”.

Pérez sostivo ademais que foi a propia presidenta do Consello de Vilar quen tivo que soportar faltas de respecto mentres intentaba dirixir a sesión, ata o punto de verse obrigada a levantala ante a imposibilidade de manter a orde.

Rita Pérez, PSOE

Na mesma liña pronunciouse AER. O seu portavoz, Roberto Villar foi un paso máis aló ao asegurar que a presidenta do Consello Parroquial de Vilar tivo que afrontar actitudes machistas durante o desenvolvemento das reunións. Como exemplo, asegurou que nunha das sesións foi obrigada a ler unha acta de 24 páxinas.

Roberto Villar, AER

O BNG optou pola abstención, aínda que repartiu críticas ao goberno local. Os nacionalistas acusaron a PSOE e AER de deteriorar o funcionamento dos consellos parroquiais, primeiro deixando de convocalos durante longos períodos e agora, segundo afirmaron, incumprindo de maneira reiterada o regulamento e limitando o debate.

Para o BNG, estes órganos deben ser espazos de diálogo, confrontación de ideas e procura de acordos, e consideran que o goberno non soubo xestionar aqueles consellos que manteñen unha posición máis crítica, como o de Vilar.

Jessica García, BNG

O debate pechouno novamente Vanessa González, quen acusou ao executivo local de menosprezar o traballo das asociacións veciñais e de ignorar propostas relacionadas con melloras en infraestruturas, sendas, bancos ou instalacións deportivas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará