Hoxe é Xoves 23 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela vivirá o 31 de xullo unha gran noite de cultura e compras co Festival Artistas de Rúa e a Shopping Night

artista rúa 2

A vila converterase nun gran escenario ao aire libre con espectáculos de vangarda, música, ilusionismo, teatro e acrobacias, mentres máis de corenta comercios abrirán ata a medianoite con descontos, promocións e actividades especiais. Será o venres 31 de xullo con dúas iniciativas. Da man do Concello celébrase a XXVII edición do Festival Artistas de Rúa con actuacións de Tanxarina e o músico Lg1do entre outros. A Asociación de Empresas organiza nesa mesma xornada o Aloha! Shopping Night 2026.

Durante toda a tarde e a noite, as prazas e rúas da vila acollerán unha programación cultural gratuíta, mentres os establecementos comerciais e hostaleiros participantes ampliarán o seu horario ata a medianoite, ofrecendo descontos exclusivos, promocións, sorteos e actividades especiais.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia desta colaboración entre cultura e comercio local. “Queremos que Redondela sexa ese venres un gran escenario ao aire libre, cheo de vida, ilusión e o mellor ambiente cultural, pero tamén un punto de encontro para gozar, mercar e descubrir o noso comercio de proximidade”, sinalou.

Así, a programación do Festival Artistas de Rúa dará comezo ás 18.30 horas na Alameda Castelao con O Xogar de Breogán, unha experiencia interactiva baseada en xogos de madeira de temática castrexa e unha sección de autómatas que conecta coas raíces culturais galegas.

Ás 19.15 horas, a compañía redondelá Tanxarina presentará na rúa Salgueiral o espectáculo Titiricircus, unha proposta de monicreques de fío que homenaxea o mundo do circo clásico cunha combinación de humor, emoción e participación.

Ás 20.15 horas, o pasarrúas O Minúsculo percorrerá o espazo comprendido entre a Praza de Ribadavia e a Praza de Santiago Apóstolo cunha impresionante marioneta de cinco metros de altura que sorprenderá ao público.

Un dos grandes momentos da noite chegará ás 21.30 horas na Praza do Concello con Quimera, de Pablo Méndez Performances, un espectáculo visual e acrobático de gran formato inspirado na mitoloxía e na maxia da natureza.

A música urbana será protagonista ás 22.30 horas na Pista da Xunqueira coa actuación de Lg1do, unha das voces emerxentes da escena galega, cun directo no que mestura trap e reguetón en galego e castelán.

O peche do festival terá lugar ás 23.30 horas na Praza da Torre co espectáculo Acero, do Mago Orbit, unha proposta de ilusionismo de alto impacto con luces e efectos visuais inspirados nos grandes shows internacionais.

Aloha! Shopping Night: comercio, descontos e experiencia de compra

A programación cultural estará acompañada pola celebración da Aloha! Shopping Night 2026, unha das accións de dinamización comercial máis destacadas do ano impulsada pola Asociación de Empresas de Redondela.

Nesta edición participarán máis de corenta establecementos comerciais e hostaleiros do centro urbano, que abrirán as súas portas ata as 00.00 horas para ofrecer unha experiencia de compra diferente, cunha ambientación especial baseada na cultura Aloha, símbolo de benvida, hospitalidade e proximidade.

Os comercios participantes ofrecerán durante a noite descontos exclusivos, promocións especiais, avances de tempada e lotes promocionais, ademais de actividades propias, animación musical, sorteos e propostas gastronómicas.

Como elemento central da campaña, poñerase en marcha o Pasaporte Aloha Recompensa, unha iniciativa coa que as persoas participantes poderán selar o seu documento en cada compra realizada nos establecementos adheridos e optar a vales de compra.

Ademais, como novidade desta edición, distribuiranse bolsas reutilizables de gran tamaño, pensadas para facilitar as compras en varios comercios durante a xornada e reducir o uso de embalaxes adicionais, reforzando o compromiso coa sustentabilidade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará