Foto: arquivo
A praia de Arealonga en Chapela, volveu izar a bandeira vermella, tras detectarse a presenza de Escherichia coli (E. coli) nas súas augas durante un control realizado pola Consellería o pasado 15 de xullo. A medida implica a prohibición do baño até novo aviso e mentres non se produzan novas análises que confirme o bo estado da auga.
Os bañistas que na xornada de onte se achegaron ao areal de Chapela atopáronse coa bandeira vermella que alerta sobre a situación e recomenda non bañarse nestas augas
As autoridades aínda investigan a orixe da contaminación. Entre as posibles causas, contémplase o funcionamento da depuradora de Teis, situada a cen metros do areal, aínda que resulta rechamante que a praia de Mende, situada mesmo máis preto desta instalación, non rexistrase ningún problema nas súas augas. Outra das opcións que se manexan é que a bacteria chegase por unha vertedura desde algún dos dous ríos que desembocan en Arealonga: o Fondón e o Pugariño.
Polo momento, a praia máis transitada de Chapela permanecerá pechada ao baño ata que as novas analíticas confirmen que a auga volve estar en condicións seguras para todos os bañistas.
Unha situación que os veciños da parroquia padecen de xeito recorrente todos os anos, de feito no verán pasado padeceu un episodio semellante.










Unha resposta
Non debería ser noticia, pasa case todos os anos en tempada de verán. Penso que as fecais detectadas veñen máis polo mal saneamento de Chapela que pola depuradora.
Dos días de bandeira vermella, algunhas protestas dos veciños por non poder bañarse e xa nos esquecemos do problema real de fondo. Un saneamento desfasado, esquecido e deteriorado.