Foto de @juanferngran de Gael Couñago en Sabadell
O atleta da Asociación Deportiva CAR, Gael Couñago Romasanta, participará esta fin de semana no Campionato de España Sub20 de atletismo ao aire libre, unha das citas máis importantes do calendario nacional da categoría, que se celebrará en Albacete os días 18 e 19 de xullo.
O saltador de altura chega a este campionato nun gran momento de forma, despois dunha tempada na que foi consolidando a súa progresión ata situarse entre os mellores da categoría en España.
O pasado mes de marzo, Gael quedou moi preto do podio no Campionato de España Sub20 en pista cuberta, disputado en Sabadell. O atleta do Club de Atletismo de Redondela (CAR) conseguiu unha excelente cuarta posición, a coñecida como “medalla de chocolate”, tras superar o listón nos 1,99 metros. Curiosamente, igualou a marca do terceiro clasificado, aínda que o desempate por nulos deixouno ás portas das medallas.
Desde aquela, o atleta continuou a súa evolución e o pasado 12 de xuño, en Vigo, conseguiu establecer unha nova marca persoal de 2,01 metros, un rexistro que lle permitiu superar por primeira vez a barreira dos dous metros e que o sitúa entre os competidores con máis opcións de pelexar polos postos de honra no campionato nacional.
Gael afrontará agora o reto de confirmar ese excelente estado de forma. A final de salto de altura disputarase o domingo 19 de xullo ás 17.10 horas, coa participación dos 14 mellores atletas clasificados da categoría, o número máximo establecido pola Federación Española de Atletismo para esta proba.
O Campionato de España Sub20 poderá seguirse en directo a través de RTVE Play, que ofrecerá a retransmisión en streaming das diferentes probas ao longo de toda a fin de semana.









