As inspeccións confirman que os residuos proceden de actividades de construción e reformas. Entre os restos atópanse cascallos, electrodomésticos, mobles e material de obra que deberían trasladarse a plantas de reciclaxe. Estes vertidos supoñen unha infracción e a ordenanza municipal contempla multas de ata 3.000 euros para as máis graves. O concello ten aberta as investigacións para tentar dar cos responsables.
Redondela, 16 de xullo dO Concello de Redondela ten en marcha varias investigacións por vertidos incontrolados na vía pública en diferentes puntos. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que pola tipoloxía e o volume dos materiais atopados, a orixe destes vertidos non corresponde a particulares, senón a actividades empresariais e profesionais “que esquivaron de xeito ilegal a normativa”. Entre os restos localizados destacan cascallos de reformas e construción, ventás e tubos, así como mobles e electrodomésticos de liña branca. Este material debe levarse a plantas de reciclaxe a través dun xestor autorizado. Os últimos puntos de vertidos localízanse na zona da Formiga e na N-552, en Cedeira, na zona de Pasán, en Chapela, e no camiño da Subida á Estación Vella, en Redondela.
Dende o Goberno local cualifican estes actos como “atentados ecolóxicos “que non só danan a imaxe do municipio e o seu medio natural, senón que tamén supoñen un grave risco de contaminación. As pescudas avanzan e, nun dos catro casos analizados, a Policía de Medio Ambiente do Concello dispón de datos sobre un vehículo investigado como presunto responsable de transportar e depositar os refugallos de forma clandestina. O concelleiro de Medio Ambiente agradece a colaboración cidadá “que está a dar os seus froitos” e destaca a gran labor policial de investigación na identificación dos infractores. Álvarez sinala que no seu departamento son conscientes de que existen máis puntos de vertidos e fai un chamamento á colaboración veciñal “para localizar e denunciar ás persoas responsables de realizar vertidos ilegais en espazos públicos”.
O Concello lembra que as sancións por realizar vertidos industriais non autorizados poden alcanzar contías moi elevadas, ademais da obriga legal de restituír o terreo ao seu estado orixinal. No caso das infraccións leves a ordenanza municipal contempla multas de ata 750 euros, para as infraccións graves ata 1.500 euros, e no caso das moi graves as sancións poden chegar aos 3.000.
Servizo de recollida de residuos voluminosos para particulares
Para o depósito de residuos voluminosos, mobles, colchóns, electrodomésticos, etc. existe un servizo de recollida a domicilio sinxelo e gratuíto para os veciños e veciñas particulares. Tan só é preciso contactar con Urbaser no teléfono 986.388.111, de 9 a 14 horas, onde os informarán do día e lugar para depositar os residuos. No caso de empresas a normativa autonómica establece que deben retirar os seus residuos a través de xestores autorizados.









