Hoxe é Venres 17 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Julio Alonso e a Banda de Música de Chapela presentan o pasodobre “Redondela” de Manuel García de Cote

julio

A Casa da Torre acolle este venres 17 de xullo, ás 20:00 horas, a presentación da publicación da partitura do pasodobre galego Redondela, do compositor Manuel García de Cote, editada para banda polo musicólogo e investigador veciño de Redondela Julio Alonso Monteagudo. O acto, organizado pola Deputación de Pontevedra, permitirá aos asistentes coñecer o que é o segundo pasodobre dedicado á vila de Redondela xunto co de Reveriano Soutullo.

O pasodobre Redondela foi composto por Manuel García de Cote (Vigo, 1909-1991) como homenaxe á vila de Redondela, coa que o autor mantivo un estreito vínculo persoal e familiar, xa que a súa esposa era natural da nosa vila. En 1994, a súa viúva Carolina Soutullo Pérez doou a partitura ao Concello de Redondela co desexo de favorecer a súa edición e difusión entre as bandas de música de Galicia, un propósito que agora se fai realidade grazas a esta publicación.

O acto consistirá na presentación da edición en papel deste pasodobre e que é froito do traballo de Alonso Monteagudo a partir dun manuscrito orixinal que se atopou na Banda de música da Lira de Ribadavia. A interpretación musical na xornada de hoxe correrá a cargo da banda de música de Chapela e está confrimada a presenza do deputado Javier Cubela e máis dos responsables da editorial Dos Acordes encargada de edición do pasodobre así como o propio Julio Alonso.

A entrada é libre ata completar a capacidade do espazo.

A Deputación adiantou o seu compromiso de distribuir exemplares da partitura entre as bandas de música e as escolas de música da provincia, co obxectivo de favorecer a súa interpretación e contribuír á posta en valor do legado musical de Manuel García de Cote. 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará