O Edificio Multiúsos de Redondela acolle ata o vindeiro 23 de xullo a exposición “Enredadas no Cambio”, unha iniciativa da ONGD Taller de Solidaridade que conta co financiamento da Xunta de Galicia e que achega ao público as historias de oito mulleres emprendedoras de España, Bolivia, Nicaragua, Perú e Colombia.
A mostra está composta por 28 fotografías e oito paneis de texto, a través dos que as persoas visitantes poden coñecer os retos, as dificultades e os logros destas mulleres, así como o impacto que os seus proxectos tiveron nas súas comunidades.
A téncica de sensibilización da ONG, Paula Carrera explica que as imaxes foron realizadas por fotógrafas e fotógrafos locais que acompañaron ás protagonistas no seu día a día, ofrecendo unha visión próxima das súas experiencias. Atopamos entre outras imaxes de mulleres apicultoras, gandeiras ou colleiteiras.
“Enredadas no Cambio” forma parte dun proxecto de sensibilización máis amplo impulsado por Taller de Solidaridade, que inclúe tamén un libro e unha curtametraxe. A iniciativa nace da experiencia da entidade no acompañamento a mulleres emprendedoras en situación de vulnerabilidade en territorios do Sur Global e pretende poñer en valor modelos de emprendemento baseados na cooperación, os coidados, a sustentabilidade e o desenvolvemento comunitario.
Con 25 anos de traxectoria no ámbito da cooperación ao desenvolvemento, Taller de Solidaridade traballa pola promoción da igualdade e da xustiza global. Desde a súa área de sensibilización, a organización aposta por dar visibilidade a historias que rompen cos relatos hexemónicos do éxito, tradicionalmente asociados a modelos masculinizados, urbanocéntricos e neoliberais, para reivindicar outras formas de emprender máis inclusivas e comprometidas coa transformación social.
O proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, busca tamén fomentar entre a mocidade unha visión crítica sobre o emprendemento e promover valores como a igualdade, a solidariedade e a participación cidadá.











