Foto: equipo feminino temporada 2013-2014
Recuperar o equipo feminino é un dos grandes obxectivos que se marcou a nova directiva do CD Choco nesta nova etapa á fronte da entidade. O propósito é ofrecer ás futuras xeracións de xogadoras un espazo onde poidan formarse, competir, medrar e vestir con orgullo a camiseta do club.
Con este fin, o Choco vén de iniciar unha campaña de captación de xogadoras e fai un chamamento a todas as nenas e mozas ás que lles guste o fútbol, con independencia da súa idade ou da súa experiencia previa, para que se sumen a este novo proxecto. As interesadas poden poñerse en contacto co club a través do correo electrónico C.D.CHOCO@HOTMAIL.COM.
A directiva explica que a recuperación do fútbol feminino non responde a unha moda nin á necesidade de seguir unha tendencia, senón a unha convicción. “Facémolo porque estamos convencidos de que a igualdade só existe cando se constrúe. E constrúese abrindo portas, creando oportunidades e apostando por proxectos que permitan que ningunha nena teña que renunciar ao seu soño por non atopar un lugar onde desenvolvelo”, sinalan.
Os responsables da entidade tamén se marcan como reto que “o Choco volva estar representado tamén por elas”, devolvendo ao club unha sección feminina que consideran fundamental para o seu futuro. “Queremos que as futuras xeracións de xogadoras teñan un lugar onde formarse, competir, medrar, facer amizades, soñar e sentirse orgullosas de vestir a camiseta da nosa vila”, destacan.
A iniciativa pretende que “cada nena, rapaza ou muller de Redondela saiba que este tamén é o seu club”, reforzando así o compromiso da entidade cun modelo deportivo máis inclusivo e representativo da realidade social do municipio.









