A estudante do IES Mendiño Carla Acosta García formou parte da última edición do programa ACÉRCATE do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC), unha iniciativa que reuniu en Madrid a oito dos mellores estudantes de Bacharelato de España interesados en orientar o seu futuro cara á investigación biomédica. O seu próximo destino será cursar Biomediciña en Suecia.
A redondelá foi unha das oito persoas seleccionadas entre alumnado de distintas comunidades autónomas grazas ao seu excelente expediente académico e ao seu interese pola ciencia. Durante a súa estancia no CNIC tivo a oportunidade de coñecer de preto o funcionamento dun laboratorio de investigación de excelencia, participar en actividades formativas e achegarse ás diferentes saídas profesionais que ofrece a investigación biomédica.
Carla ten como obxectivo cursar estudos de Biomedicina no Karolinska Institutet, en Suecia, polo que esta experiencia supuxo un primeiro contacto co traballo investigador nun dos centros de referencia en España no ámbito cardiovascular.
O programa ACÉRCATE forma parte do Plan de Formación CNIC-Xove, unha iniciativa impulsada polo director xeral do centro, Valentín Fuster, para espertar vocacións científicas desde as primeiras etapas educativas e contribuír á formación dunha nova xeración de investigadores de excelencia no campo da investigación cardiovascular.
Nesta edición participaron estudantes procedentes de Galicia, Estremadura, Madrid, Castela e León e a Comunidade Valenciana. Todos eles destacaron polos seus expedientes académicos e pola súa participación previa en proxectos científicos, olimpíadas ou programas de enriquecemento educativo. Coa incorporación desta promoción, xa son 144 os estudantes que pasaron por ACÉRCATE desde a creación do programa. A edición contou tamén coa presenza de Artūras Makselis, gañador do Premio CNIC-EUCYS 2025 e estudante de Bioloxía Molecular e Química na Universidade de Vilnius (Lituania).









