“Vivir do marisqueo a pé é praticamente imposible” así o confirma a patroa maior da Confraría, Nisi Otero. En Redondela a falta de marisco mantén paralizada a actividade desde xaneiro e reduciu drasticamente o número de mariscadoras nas últimas dúas décadas. A elevada mortaldade do marisco, agravada polo cambio climático e a proliferación de especies depredadoras, mantén en mínimos históricos o marisqueo. Un plan de rexeneración pretende agora frear o declive do sector.
A confraría sobrevive a día de hoxe grazas aos ingresos do choco ante o continuado descenso da produtividade do marisqueo, que está parado dende inicios de ano tras detectarse unha elevada mortandade do marisco. As causas desta situación responden a diversos factores: cambio climático, menor salinidade da auga, incremento das especies depredadoras.
Confían en que o convenio que veñen de asinar coa Consellería do Mar, supoña un pequeno respiro para as traballadoras, que poderán así percibir unha axuda de 700 euros mensuais polos traballos de rexeneración, acondicionamento e vixilancia dos bancos marisqueiros.
As mariscadoras realizarán labores de acondicionamento e labrado en doce bancos marisqueiros, dende Soutoxuste ata Chapela, así como a limpeza e retirada sistemática de restos orgánicos e inorgánicos.
O programa establece tamén un control de especies depredadoras e competidoras como o cangrexo verde e os caracois mariños mediante o emprego de nasas e mostraxes de seguimento sistemáticos. Explica Nisi Otero que un dos depredadores que máis están a esquilmar os bancos marisqueiros son as ouxas, que está a proliferar na ría a consecuencia do cambio climático que supón un incremento da temperatura das augas e a proliferación destas especies.
Para fortalecer a biomasa, realizaranse rareos e traslados selectivos, así coma tarefas de preengorde de ameixa fina e babosa baixo redes protexidas, culminando coas sementeiras de unidades autóctonas adaptadas ás necesidades de cada areal. O plan compleméntase con quendas de vixilancia mensual nocturna e diúrna para combater o furtivismo, ademais de xornadas de formación especializada sobre bioloxía e xestión da actividade marisqueira.
En total, a Xunta mobilizará un orzamento total de 653.488,65 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).









