A Policía Local xa abriu expediente a unha ducia de vehículos na rúa do Muro, conseguindo que varios propietarios os retirasen voluntariamente. Outros dous turismos poderán ser despezados se os seus donos non actúan antes do 13 de xullo. Os propietarios enfróntanse a sancións de ata 3.000 euros ademais dos custos de retirada e desguace.
A campaña contra o abandono de vehículos na vía pública que desenvolve a Concellería de Seguridade Cidadá e a Xefatura da Policía Local, busca liberar prazas de estacionamento, garantir a salubridade das rúas e mellorar a seguridade viaria e a imaxe urbana en todo o termo municipal.
As primeiras actuacións e notificacións directas aos titulares centráronse na rúa do Muro, onde os axentes da Policía Local abriron expediente a arredor dunha ducia de vehículos tras constatar, mediante actas de seguimento de un mínimo de dous meses, o seu aparente estado de abandono. Esta fase inicial da campaña fixo posible que varios deses automóbiles foran retirados de forma voluntaria polos seus propios donos tras recibir o requirimento oficial do Concello.
Paralelamente, o procedemento administrativo segue o seu curso legal para aqueles casos nos que resultou imposible localizar ou notificar aos propietarios por vía directa. Tamén se publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) o anuncio oficial para dous turismos localizados na Avenida Ernestina Otero e no Camiño da Tafona. O prazo finalizará o próximo luns 13 de xullo.
O Concello advirte de que, se nesa data os titulares non presentan alegacións nin proceden á retirada dos coches (previo aboamento das taxas correspondentes), ambos turismos serán declarados oficialmente como Residuos Sólidos Urbanos (RSU) ao amparo da Lei de Residuos de Galicia. Unha vez ditada esta resolución, o Concello procederá á súa retirada co guindastre e ao seu posterior despezamento e destrución definitiva nun centro autorizado de reciclaxe, repercutindo todos os custos económicos aos propietarios.
As sancións ás que se expoñen os propietarios son multas por abandono que van dende os 751 € ata os 1.500 €, podéndose impor multas coercitivas repetitivas de ata 3.000 € . O titular debe tamén pagar obrigatoriamente a taxa do guindastre, os custos de depósito e os gastos do traslado e destrución no desguace.
A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que con estas actuacións “damos resposta a unha demanda dos residentes en zonas con alta densidade de tráfico”. Rivas sinalou que “un coche abandonado non é só un problema estético ou de falta de aparcamento; convértese nun foco de insalubridade, lixo e perigo para os peóns”. A rexedora fixo tamén un chamamento “á responsabilidade cidadá para evitar que a vía pública sexa utilizada como un desguace improvisado”.











