Fotos de @lucastozzi
A kiteboarder Vera Vázquez do TMKiteclub de Cesantes vén de proclamarse subcampioa de España absoluta de kiteboarding na modalidade de freestyle por terceiro ano consecutivo. O resultado acadouno na proba da Spain Kiteboarding League (SKL), disputada nas inmediacións de TumbaoxBibo, na praia de Valdevaqueros, en Tarifa (Cádiz), un dos escenarios de referencia deste deporte.
A deportista suma, con só 18 anos, un novo éxito a unha traxectoria en constante progresión, que xa a levou a conquistar en 2025 o histórico título de campioa do mundo U19 de freestyle, tamén en Tarifa.
A pesar dos éxitos acumulados, Vera Vázquez recoñece que continúa vivindo cada competición coa mesma intensidade. “Eu sigo flipando como no primeiro campionato. Sigo emocionada e nerviosa nas competicións“, asegura. A baionesa tamén puxo en valor o nivel da competición e a oportunidade de compartir podio con Claudia León, de Alcázar, quen revalidou o título de campioa de tras facerse coa medalla de ouro.
Considera fundamental organizar iniciativas que animen a máis rapazas a probar este deporte e chama a atención sobre a diminución da participación feminina no kitesurf competitivo. “No Campionato de España deste ano só fomos catro mulleres, a medate que cando comecei. É unha tendencia que preocupa. O importante non é só competir, senón navegar, coñecer xente nova e romper cos estereotipos.”
Vera prepara unha nova etapa persoal coa intención de iniciar os estudos universitarios en Ciencias do Mar e compaxinalos cos adestramentos no TMKiteclub de Cesantes e o seu traballod e monitora no club Salitre. “Encántame a ciencia. Primeiro pensara en Química, pero finalmente decidinme por Ciencias do Mar porque gustaríame dedicarme á investigación relacionada co océano e, se pode ser, tamén coa meteoroloxía ou co propio kitesurf.”
Ese compromiso reflíctese tamén na súa colaboración coa ONG Innovations for Ocean Action, unha organización centrada na sustentabilidade dos océanos e na promoción de economías inclusivas.











