A Alameda de Redondela acollerá os días 3, 4 e 5 de xullo de 2026 a celebración da Feira de Abril, un evento organizado pola Asociación Cultural Triana e a Casa de Andalucía de Vigo que conta co financiamento e a colaboración das administracións. A celebración está a xerar polémica e dende algúns colectivos culturais cuestiónase tanto o financiamento público da iniciativa como o seu encaixe na política cultural do municipio.
Durante tres xornadas, a feira busca converterse no punto de encontro para veciñanza e visitantes, cun programa de actividades no que non faltarán a música en directo, os grupos de baile, as sesións vermú e a gastronomía típica andaluza. A programación arrancará o venres 3 de xullo ás 18.00 horas coa inauguración oficial e apertura da caseta. Ás 20.00 horas actuará o grupo Marietta, seguido de música e festa desde as 21.30 horas, prolongándose a celebración ata o peche da caseta ás 02.00 horas.
O sábado 4 de xullo a caseta abrirá ás 12.00 horas. A sesión vermú, prevista para as 13.00 horas, estará amenizada polo Coro Aires de Triana. Pola tarde, desde as 18.30 horas, subirán ao escenario os grupos de baile Altozano, Alma Flamenca, o alumnado da Casa de Andalucía e a Asociación de Mulleres Agarimo. A xornada continuará coa actuación de Tony Delgado ás 20.00 horas, seguida de música e festa ata o peche.
O domingo 5 de xullo tamén abrirá a caseta ás 12.00 horas. Á 13.00 horas celebrarase unha sesión vermú co Coro Rociero Casa de Andalucía en Vigo, mentres que ás 14.30 horas terá lugar a tradicional comida de confraternidade. Pola tarde, ás 17.30 horas, o público poderá gozar da actuación infantil Barafunda Teatro, e a partir das 18.30 horas celebrarase o tardeo que porá o broche final á feira ata o peche da caseta.
Polémica
Dende a aparición do anuncio da actividade en redes foron moitas as persoas que cuestionaron a celebración. Máis aló vai a Asociación Cultural Alén Nós, que considera que esta “Feira de Abril” constitúe unha proposta “descontextualizada”, ao celebrarse no mes de xullo, e sostén que se trata dun evento sen arraigamento na realidade social e cultural de Redondela. Neste sentido apuntan que na vila non existe unha comunidade andaluza que demande este tipo de celebración nin unha tradición vinculada ao flamenco, ás casetas ou ás expresións culturais propias desta festa.
A asociación tamén critica que a maior parte da programación estea protagonizada por agrupacións de Vigo, entidades que considera “plenamente lexítimas”, pero alleas ao tecido cultural redondelán.
Outro dos aspectos cuestionados é o destino dos fondos públicos. Alén Nós considera que, nun contexto no que existen necesidades en ámbitos como os servizos públicos, o deporte de base, a educación ou a conservación do patrimonio, as administracións deberían priorizar proxectos ligados á identidade cultural do municipio.
A entidade advirte ademais do risco de que a celebración derive nun espazo de ocio nocturno centrado no consumo de alcohol, co conseguinte impacto sobre a Alameda e a contorna do río Alvedosa.
Como alternativa, Alén Nós propón destinar os recursos económicos a iniciativas como a creación dunha Escola Municipal de Títeres que dea continuidade ao legado de Tanxarina, a organización de encontros interparroquiais, mostras de música tradicional da comarca, programas estables de intercambio cultural con Portugal —especialmente con Monção, vila irmandada con Redondela—, actividades coas comunidades estranxeiras asentadas no municipio e unha maior presenza de artistas galegos como Sondeseu, Treixadura, Luar na Lubre, Tanxugueiras, Sés, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Fillas de Casandra ou Carlos Núñez.
A asociación conclúe reclamando á Deputación de Pontevedra e ao Concello de Redondela que reconsideren o modelo de programación cultural e orienten os recursos públicos cara a iniciativas que, ao seu xuízo, contribúan a fortalecer a identidade cultural local e a poñer en valor o patrimonio material, inmaterial e lingüístico do municipio.










