O colectivo cultural fala de “maltrato arbóreo” e pon como exemplo a presenza de dous cedros completamente secos que, segundo afirman “atópanse nese estado polo constante rego automatizado nocturno que ignora que estas árbores non toleran o encharcamento continuado”. Ante esta situación, Alén Nós reclama ao Concello un Plan Director urxente para frear a degradación da alameda Castelao.
A Alameda de Redondela, froito dun recheo histórico que artella na actualidade o principal espazo público da nosa vila, atópase nunha “situación crítica”. Así o afirman dende a Asociación Alén Nós quen engaden que “a Alameda de Redondela pasou de ser un orgullo patrimonial e pulmón urbano a converterse nun novo campo de batalla contra a desidia institucional, onde os criterios técnicos máis elementais de mantemento botánico foron sistematicamente substituídos pola improvisación e a falta de compromiso”.
Como proba desta situación apuntan a imaxe de dous cedros totalmente secos que presiden o espazo arborado. Aseguran que “a perda destas dúas pezas senlleiras do noso patrimonio arbóreo non obedece a causas naturais inevitables, senón a unha probable asfixia radicular provocada polo deseño dun sistema de rego automatizado nocturno que, ao buscar o beneficio do céspede, ignora que os cedros non toleran o encharcamento continuado”. Coas tubaxes ao descuberto xusto ao pé dos seus troncos, estas árbores “foron condenadas a unha morte lenta por sobrehidratación, un feito que evidencia unha evidente falta de coñecemento e a ausencia dun tratamento profesionalizado”.
Afirman tamén que non se trata dunha agresión illada senón que ven sumarse a “un historial de podas salvaxes, colocación de cableados e aparellos eléctricos directamente cravados nas cortizas das árbores e un maltrato vexetal xeneralizado que vén minguando o arboredo de gran porte sen que exista un relevo programado nin un respecto real pola fisionomía orixinal deste espazo protexido”.
Critican tamén a sistemática ocupación do chan por vehículos a motor de todo tipo. Denuncian que “o Concello de Redondela permite de xeito habitual o acceso e estacionamento de camións, furgonetas e maquinaria pesada dentro do recinto baixo calquera pretexto festivo, comercial ou organizativo, xa sexa un concerto, unha feira de oportunidades ou un evento organizado”.
Práctica que supón un perigo para os usuarios e nenos que entenden esta zona verde como un refuxio peonil seguro, e que constitúe o factor determinante na destrución dos elementos arquitectónicos máis característicos do conxunto, fracturando bancos de pedra históricos, esnaquizando bordos de parterres e compactando de xeito nocivo un solo que precisa respirar para soster as raíces que nos dan vida.
Proposta dun Plan Director
Ante esta agresión ambiental e mecánica, a Asociación Cultural Alén Nós insta formalmente ao goberno municipal a deseñar e executar un Plan Director a medio e longo prazo que devolva á Alameda a súa dignidade tradicional e o seu carácter estrito de reserva urbana. Alén Nós propón, como medidas de urxencia e aplicación inmediata, a prohibición total e contundente do acceso de calquera vehículo municipal, de servizos ou particular ao interior da zona axardinada, desprazando a loxística de montaxe de eventos aos vieiros perimetrais.
Así mesmo, exíxese o control e redeseño de todos os sistemas de regadío por parte de técnicos especializados en arboricultura para evitar novas asfixias radiculares, canda a substitución dos exemplares mortos por novas árbores de gran porte que garantan o futuro climático da vila.









