O Arealonga FS vén de celebrar a XXI edición do Torneo Fútbol Sala Chapela 2026. Un evento que reuniu a preto de 500 xogadores e xogadoras procedentes das provincias de Ourense e Pontevedra, converténdose nunha verdadeira festa do fútbol sala base na comarca.
O torneo, que se desenvolveu de venres a mércores con unha categoría por día, contou coa participación de numerosos clubs galegos como CD Beade, Os Carris Futsal, Redondela FS, Campito FS, SDPazos de Borbén FS, CCR Cabral, ADFS Bueu, CD La Peña, Marín Futsal, Treboada FS, Mercantil Academy, Primikas, Sin Toque, PDF Futbol Club e Las Elegidas. Para todos os equipos houbo medallas, trofeos, sorteos e agasallos tanto do club como do comercio local, ademais de premios aos mellores xogadores da competición.
Desde o club quixeron agradecer publicamente a todos os participantes: “Grazas a todos os clubs, xogadores, adestradores e familias que aceptaron a invitación e contribuíron a facer desta edición unha auténtica festa do deporte. Cada escudo representou esforzo, compañeirismo, respecto e paixón polo fútbol sala”. Un agradecemento especial dirixíuse ao corpo técnico do Arealonga FS, aos adestradores e delegados polo seu compromiso e dedicación. Destacan ademáis a actuación de Os Carris Futsal, que se proclamou campión nas categorías de cadete, infantil e benxamín.
Ademais, o Infantil Feminino do propio Arealonga FS utilizou o torneo como preparación para o seu gran obxectivo da tempada.
O Infantil Feminino viaxa a Madrid para disputar o Campionato de España
O momento máis destacado do club chega este sábado 27 de xuño, coa participación do equipo SUB-14 (Infantil) no Campionato de España de Clubes Base. As xogadoras do Arealonga FS disputarán os cuartos de final (semifinais de grupo) ás 13:00 horas no Pavillón Principal de Marazuela, en Las Rozas (Madrid), enfrontándose ao Ripollet FS de Cataluña. No caso de clasificarse para a final, esta disputaríase o domingo ás 13:30 horas. Se non, xogarían polo terceiro e cuarto posto ás 9:00 da mañá.
Trátase dunha oportunidade histórica para as xogadoras do Arealonga, que afrontan con ilusión e ambición este reto nacional tras unha tempada espectacular. O club modificou incluso o desenvolvemento do Torneo Chapela para poder compatibilizar a participación no Campionato de España.































