Os equipos de emerxencias fixeron fronte a un rescate complexo pola dificultade de acceso ao lugar do suceso e a falta de luz solar. Eran preto das 21 horas de onte domingo, cando o 112 alertou dunha caída nas coñecidas como Pozas de Aranza: un mozo resultou ferido nas costelas tras lanzarse á auga. Malia que conseguiu agarrarse a unha pedra, non era capaz de saír por si só xa que apenas podía moverse. O ferido, que sufría un colapso pulmonar por un traumatismo na zona do tórax, foi finalmente rescatado e evacuado Hospital de Montecelo.
A iluminación artificial dende o helicóptero do Pesca 1 resultou fundamental para poder sacar ao ferido, que caeu por un barranco no río Oitavén, en Soutomaior e que debido ás feridas sufridas, non era quen de saír por si mesmo. O suceso produciuse preto dás nove da noite de onte e a presenza do helicóptero do Pesca 1 de Garda Costas de Galicia, que se encargou de iluminar a zona para facilitar o rescate do ferido, provocou a alarma entra a veciñanza, consciente de que algo estaba a acontecer nas inmediacións do río.
Os efectivos de rescate tiveron que percorrer un carreiro realmente estreito e pegado a un cantil mentres escurecía. Un cantil polo que, segundo explican dende o 112, deslizouse o mozo cando accedía á zona de baño en compañía doutra persoa, quen alertou aos servizos de emerxencia do acontecido e solicitou axuda.
A falta de horas de luz converteuse nun obstáculo que limitou a mobilización de certos recursos. Por iso, o rescate debeu realizarse con medios terrestres, a pesar da participación dos efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia, que acudiron a bordo da Pesca I. Dende o helicóptero facilitaron a iluminación da zona, xa que nin a orografía nin a visibilidade ofrecían as condicións necesarias para realizar un rescate seguro.
Finalmente, a intervención médica permitiu ao ferido, que sufría un colapso pulmonar por un traumatismo na zona do tórax, avanzar camiñando e acompañado por bombeiros do Baixo Miño e membros do GES de Mos até onde esperaba a ambulancia. Posteriormente, foi evacuado por unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital de Montecelo en Pontevedra. No operativo tamén colaboraron vos voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.









