Hoxe é Venres 26 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Carlos Callón abre hoxe a programación do Orghullosa en Soutomaior

carlos callón

O programa da terceira festa das identidades diversas e disidentes, que se desenvolverá os días 26 e 27,  inclúe actividades culturais, obradoiros, música, unha andaina interpretativa e unha gran Festa Holi para reivindicar a diversidade e os dereitos LGTBIQ+. A primeria das citas será esta tarde ás 20:30 na Carballeira de Arcade, coa participación do escritor e filólogo Carlos Callón quen manterá unha conversa arredor do seu libro Vida e historia LGBT da Idade Media.

O encontro permitirá achegarse á evolución da diversidade afectivo-sexual e de xénero en Galicia ao longo da Idade Media, desmontando moitos dos prexuízos existentes sobre este período histórico e servirá para inaugurar un programa que será moito máis intenso na xornada do sábado.

A programación nesa xornada inclúe a andaina “Caritaina. Historia e Paisaxe”, unha ruta circular de aproximadamente oito quilómetros e dificultade media que partirá ás 10.00 horas do peirao de Arcade. O percorrido permitirá descubrir espazos de grande valor natural e histórico, atravesando Pontesampaio e chegando ao miradoiro da Caritaina, cunhas privilexiadas vistas sobre a ría de Vigo.

A xornada do 27  de xuño tamén contará coa lectura do pregón a cargo de Alicia Arruti, quen no 2023 converteuse na primeira adolescente galega en acudir ao rexistro civil para cambiar de sexo. Será ás 13.30 horas na Carballeira e a continuación haberá sesión vermú protagonizada por O Rabelo e Nenaza, que mesturarán música tradicional, tecno e reguetón.

A Carballeira de Arcade acollerá tamén o Mari Picnic, unha proposta participativa na que se anima á veciñanza a compartir comida, música e convivencia.

Ás 19.00 horas, a narradora Cris de Caldas ofrecerá unha sesión de contacontos diversos dirixida ao público familiar, mentres que ás 20.00 horas terá lugar o laboratorio “Bailando en liberdade”, impartido por Marcelo Dobode, unha proposta para gozar das danzas tradicionais desde a libre expresión e a celebración da diversidade.

A programación da tarde continuará ás 21.00 horas na Carballeira coa actuación de Ashyllei Ferraro, Miss Gay Brasil 2005, que ofrecerá un espectáculo cheo de música, cor e reivindicación. O show, deste veciño do concello, converterase nun dos momentos máis destacados desta terceira edición da Orghullosa.

A terceira edición da Orghullosa culminará ás 21.30 horas coa Festa Holi Diversa, na Carballeira. Miles de cores encherán Soutomaior nunha celebración colectiva do orgullo, acompañada por música en directo cun DJ e coa entrega de bolsas que incluirán camiseta, polvos holi biodegradables e pintura facial arco da vella.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará