Imaxe do hotel facilitada polos veciños
Un veciño de Chapela, que se atopaba co seu pai en Venezuela cando se produciron os fortes terremotos, describe unha situación “bastante complicada” no país, onde a falta de medios oficiais deixa ás vítimas á mercé dos seus propios familiares. “Hai edificios onde aínda queda xente atrapada e seguen sen ningunha clase de axuda humanitaria. Os seus propios familiares intentan axudar”, relata no audio facilitado a Radio Redondela.
O home e o seu pai atopábanse na zona de La Guaira (unha das máis devastadas) no momento do sismo. “A nosa sorte foi que, cinco minutos antes do terremoto, acabábamos de saír do hotel, que quedou totalmente inhabilitado”, explica. O seu voo de regreso a España, previsto para o día seguinte, foi suspendido tras os graves danos no aeroporto de Maiquetía, en Caracas. Actualmente agardan nun hotel dunha zona menos afectada da capital venezolana a que as arealiñas faciliten unha solución para retornar a Galicia.
Este testemuño persoal reflicte a dramática realidade que viven miles de afectados e as dificultades que afrontan os galegos e galegas que se atopaban no país.
Segundo os últimos datos das autoridades venezolanas, o balance de mortos elevouse xa a 235. O Ministerio de Asuntos Exteriores español confirmou a morte de tres cidadáns españois e informou que outras 99 persoas permanecen desaparecidas. As operacións de busca e rescate continúan con centos de efectivos e maquinaria pesada, especialmente en La Guaira, onde colapsaron máis dun cento de edificios. Ademais, oito hospitais sufriron danos importantes e algúns tiveron que ser evacuados.












