O rapeiro redondelán Cobián Glober vén de lanzar “La Villa”, o seu primeiro álbum, un traballo persoal e coidado que xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais.
No álbum, Cobián constrúe un concepto que parte directamente da súa realidade en Redondela, pero que vai máis alá. “La Villa lévame directamente a Redondela. É un concepto espiritual dunha visión concreta de zonas illadas da metrópole, como onde vivimos nós”, explica o artista. Aínda que está cheo de homenaxes á súa cidade, o disco busca representar a calquera persoa que vive nun barrio periférico e ten o impulso de crear: “Quixen resumir esa visión partindo da miña propia e da que teño ao meu redor, para que calquera poida sentirse identificado”.
“La Villa” é unha declaración de intencións clara na carreira de Cobián. O proxecto conta coa participación de varios produtores e colaboradores de prestixio: Rubd1, de Vigo, que produciu gran parte do disco e foi fundamental no proceso; o canario MPadrums, considerado por Cobián un dos mellores produtores de Boom Bap de España; C.Parrita, N. Skillzz, Uncle Doc, Jaw Glober, Paniko en las Calles e outros.
O artista, que forma parte do coñecido colectivo redondelán Globersmokers / La G Mundial desde hai case 15 anos, mantén a esencia do rap máis clásico pero evoluciona nun traballo con conexión e mensaxe clara. “O rap é crítica social, e o fago sempre desde o punto positivo mirando ao futuro”, sinala. O disco fala de orgullo de clase, pertenza, as contradicións dos barrios e a necesidade de abrirse ao mundo e combater o individualismo.
O videoclip “INTRO”, dirixido polo redondelán Thomas Schwarz, xa está dispoñible e serve como presentación visual do álbum. Nel combínanse imaxes da rúa de Redondela con elementos simbólicos, como un “ritual pagá” de inspiración celta, e inclúe un discurso baseado en textos de Vicente Risco. “A intro é un resumo de todas as homenaxes que quixen facer ás persoas que estiveron ao meu lado apoiándome na música”, engade Cobián.
O proceso de creación de “La Villa” foi longo e cheo de obstáculos. Era o seu soño dende a infancia e o proxecto colleu forma real tras coñecer a Rubd1, aínda que a pandemia e as dificultades económicas frearon o ritmo. “Con pouco, conseguimos chegar a un son profesional”, valora con orgullo.
De cara ao futuro, o artista ten previsto levar o disco aos escenarios e asegura que haberá un en Redondela “si ou si”, porque é onde comezou todo.










