Fotos da edición anterior de Diarama
A ONG redondelá DA MAN celebra mañá, sábado 20 de xuño, a terceira edición do festival solidario Diarama no Brisa Chiringo de Cesantes. Todo o recadado no evento irá destinado a súa labor social no Senegal que abrangue dende axuda e resposta sanitaria a maternidade, educación e economía circular.
O festival solidario arrancará ás 13:00 horas cunha sesión vermú de acceso libre coa actuación de Antía Pinal, gañadora da edición 2025 de La Voz. Como novidade, ofrecerase un paquete por 7 euros que inclúe viaxe no Choco-tren (saídas ás 11:00 e 12:00 desde a Fonte de Santiago), vermú e tapa.
A partir das 19:00 horas abriranse as portas para a sesión principal, con entrada solidaria de 10 euros (inclúe primeira consumición) e actuacións de Antón Ke, un espectáculo de danza africana, El Cuarto de Tula, Chocolate Sexy e a sesión de Lareirinha DJ.
Dende a organización agradecen a colaboración porque “todas as bandas participan de forma voluntaria e sen ánimo de lucro, accediendo a actuar sen pensalo por unha boa causa a pesar de que no verán sempre é máis difícil compaxinar axendas”.
Todo o recadado no Festival Diarama destinarase integramente aos proxectos educativos e sanitarios de DA MAN en Senegal. O aforo é limitado, polo que a organización recomenda adquirir as entradas con antelación nos puntos de venda: Brisa Chiringo, O Funil, Kiosco Cocó e Copy Redondela. Haberá postos de comida durante a noite.
DA MAN segue avanzando no seu
A ONG DA MAN segue avanzando no seu compromiso coas comunidades rurais de Senegal. No seu último viaxe a terreo, realizado en febreiro de 2026, o equipo de voluntarios completou importantes intervencións en materia de sanidade, auga e enerxía, co obxectivo de mellorar as condicións de vida das poboacións locais e garantir unha atención básica con dignidade.
Un dos proxectos máis destacados foi a rehabilitación do centro de saúde e a maternidade de Mbadiène. Tras a chamada de auxilio dos responsables do poboado no viaxe de 2025, DA MAN instalou inicialmente un depósito de auga. Este ano, o traballo intensivo permitiu lixar e pintar as instalacións, reparar portas e ventás, adecuar os espazos de atención, colocar material sanitario chegado nun contedor e instalar carteis educativos. Ademais, incorporouse unha nova placa solar que garante luz durante os partos nocturnos, un avance fundamental nunha zona onde as mulleres daban a luz en condicións precarias. “As mulleres ían a parir sen luz pola noite. O que primeiro se fixo foi financiar un depósito de auga e despois rehabilitar a zona de maternidade”, explican dende a organización.
Paralelamente, o proxecto de enerxía solar consolidouse en Touba Merina, Boulel e aldeas veciñas. O enxeñeiro Martín viaxou de novo para revisar as instalacións existentes, adquirir material e mellorar o subministro no colexio de Boulel. No propio centro de saúde de Mbadiène instalouse unha placa solar adicional, e reforzouse tamén a maternidade de Sam Yabal. “Onde chega a luz chega tamén a posibilidade de vivir con dignidade”, sinalan. Grazas a estas actuacións, hoxe é posible atender partos con seguridade independentemente da hora.
No eido da saúde bucodental, o proxecto mantén a súa continuidade e crecemento. En Touba Merina e Sam Yabal atendéronse centos de persoas —nenos, nais e anciáns— con extraccións, limpezas, obturacións, endodoncias e tratamentos de urxencia, como abscesos graves ou traumatismos por accidentes. DA MAN segue colaborando co doutor Ndao e formando persoal local para asegurar a sustentabilidade a longo prazo. “Non só tratamos dentes. Tratamos dor, infeccións e urxencias que, sen intervención, poderían complicarse moito”, destacan.














