A actuación permitirá transformar a actual pista de tenis situada na parte baixa do recinto en tres novas pistas de pádel, ademais de ampliar a bancada lateral e adaptar a cuberta ás novas dimensións da superficie de xogo. O investimento supera os 260.000 euros e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do Plan +Provincia 2026-2027.
O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de xullo e está previsto que, unha vez rematado o proceso de contratación, as obras se executen nun prazo de catro meses.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que a licitación destas pistas deportivas supón un paso máis cara a modernización das instalacións deportivas municipais para ofrecer espazos de maior calidade e responder ás demandas actuais da veciñanza. “Esta actuación supón un paso importante para consolidar a Montesiña como un referente deportivo no municipio”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, subliñou que “o pádel é unha disciplina cunha demanda crecente en Soutomaior e estas novas pistas permitirán ampliar a oferta deportiva municipal, mellorar as condicións de práctica e facilitar a organización de actividades e competicións”.








