Hoxe é Mércores 17 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O servizo de Atención Temperá recibe 43 solicitudes en tres meses de funcionamento

atenicón tempera

O servizo de Atención Temperá que presta atención aos concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes consolídase como un recurso de referencia para as familias da comarca ao rexistrar 43 solicitudes de atención para nenos e nenas con posibles dificultades no seu desenvolvemento. O servizo é especialmente demandado polas familias de Redondela cun total de 29 solicitudes de atención nos seus tres primeiros meses de funcionamento.

Desde a súa posta en marcha o pasado 12 de marzo, o centro, situado nas instalacións municipais da rúa Reveriano Soutullo, atendeu xa a 26 familias, mentres continúa avaliando e incorporando novos casos. A elevada demanda evidencia a necesidade dun servizo de proximidade que ofrece atención especializada a crianzas de entre 0 e 6 anos con dificultades no desenvolvemento ou risco de presentalas.

Redondela concentra a maior parte das peticións, con 29 solicitudes, seguida de Soutomaior con 9, Pazos de Borbén con 5 e Fornelos de Montes con 1. Ademais, desde o inicio da atención directa ás familias no mes de maio, o número de demandas experimentou un crecemento constante.

Coincidindo coa celebración do Día Nacional da Atención Temperá, baixo o lema “Todas as familias e os profesionais unidos/as pola atención temperá”, o equipo do centro destaca a importancia de ofrecer unha resposta personalizada ás necesidades de cada familia. O servizo conta cun equipo multidisciplinar integrado por unha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica, que traballan para favorecer o desenvolvemento infantil a través do acompañamento ás familias e da intervención nos contextos cotiáns das crianzas.

A alcaldesa, Digna Rivas, valorou moi positivamente a acollida do servizo e subliñou que “os datos destes primeiros meses demostran que se trataba dun recurso moi necesario para as familias da comarca”. A rexedora destacou tamén que a existencia dun centro de proximidade evita desprazamentos, facilita o acceso á atención especializada e contribúe a mellorar a calidade de vida das familias.

O servizo forma parte da Rede Galega de Atención Temperá e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará