A cita, organizada polo Concello xunto aos ‘Axentes do Cambio’, terá lugar este venres 19 de xuño a partir das 19:00 horas e contará cun programa deseñado para todos os públicos. As actividades concentraranse nos xardíns traseiros do Multiúsos da Xunqueira, e ademais do acto institucional haberá micro aberto, drag queens, música e obradoiros.
O obxectivo principal desta celebración é visibilizar a diversidade, promover o respecto e consolidar a Redondela como un municipio libre e acolledor para todas as persoas. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou a importancia de seguir impulsando estas xornadas dende as institucións públicas “Redondela demostra ano tras ano que é unha vila aberta, tolerante e profundamente orgullosa da súa diversidade. Non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos dereitos e das liberdades de todas as persoas, independentemente de a quen amen ou como se sintan”.
O público asistente poderá gozar dun amplo abano de actividades gratuítas durante a tarde-noite do venres a partir das 19.00 horas coa lectura do manifesto para reivindicar os dereitos LGTBIQA+. Haberá un “micro aberto”, espazo dinamizado polas artistas Carolina Smith e Drag Manola, e tamén obradoiros creativos con maquillaxe e elaboración de chapas conmemorativas. Para os máis pequenos instalarase un inchable, ademais de contar con animación e música durante todo o evento.
Dende o goberno local convídase a toda a veciñanza, colectivos e visitantes a participar activamente nesta xornada de convivencia, festa e orgullo.








