Fotos de Patry Rivas

A IV edición do Torneo Sarillas de Veteranas, celebrado o pasado 13 de xuño, reuniu a 90 xogadoras procedentes de distintos puntos de Galicia e España e estivo marcada pola emotiva homenaxe de despedida a Begoña e Merchi, que se retiran do equipo tras máis dunha década de compromiso e implicación.
A cita deportiva, organizada polo club anfitrión coa colaboración da Concellería de Deporte, reuniu concretamente equipos de Galicia, Asturias, Valladolid e Zamora. Participaron os conxuntos das Sarillas, Balonmán Chapela, Ferrolterra, Meaño, Langreo e unha selección formada por xogadoras de Valladolid e Zamora, que competiron como equipo conxunto.
Máis aló da competición, a xornada estivo marcada pola emoción e polo recoñecemento ás xogadoras veteranas. Un dos momentos máis especiais do torneo foi a homenaxe a Begoña e Merchi, dúas xogadoras das Sarillas ás que compañeiras e participantes despediron cun acto cargado de agradecemento e cariño pola súa traxectoria deportiva e humana.
Durante a homenaxe, Mar, das Sarillas, puxo voz ao sentimento compartido por toda a familia do balonmán veterano cun discurso no que reivindicou a paixón polo deporte como un vínculo que perdura máis aló do paso do tempo e das lesións. “A idade non importa; esa nena que fomos unha vez segue con nós”, lembrou, destacando que os anos de competición permitiron crear unha rede de amizades entre xogadoras de diferentes comunidades que “xa forman parte dunha gran familia que nunca se romperá”.
Sobre Begoña, destacou o seu compañeirismo e o seu papel como referente dentro do equipo, mentres que de Merchi lembrou a lesión que sufriu tras romper ambos os pulsos, unha situación que as súas compañeiras viviron con preocupación e pola que foi definida como “unha heroína” pola súa fortaleza ante a adversidade.
Mar tamén puxo en valor o esforzo colectivo que fai posible o proxecto das veteranas, desde institucións e patrocinadores ata adestradoras e voluntariado, facendo unha mención especial a Ángela, á que definiu como “o motor que o acende todo” no club. Ademais, reivindicou o sacrificio das xogadoras, con adestramentos nocturnos ao longo de todo o ano, resumidos nunha palabra: “paixón polo balonmán”.
A homenaxe concluíu coa entrega dun recordo a Begoña e Merchi para que manteñan vivo o seu vínculo coas Sarillas, nun acto que simbolizou que, malia deixar a pista, seguirán formando parte da historia e da identidade do equipo. Ademais, tamén se entregou, como é habitual, o trofeo á xogadora de maior idade, que este ano recaeu en Carmen Veloso.
Durante toda a xornada houbo animación musical e realizouse un sorteo de rifas para recadar fondos, con numerosos premios cedidos polo comercio local e polas empresas patrocinadoras colaboradoras.
Desde o club agradeceron a implicación do tecido comercial e empresarial de Redondela, así como o apoio institucional recibido por parte do Concello de Redondela, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, cuxa colaboración resultou fundamental para a organización e o desenvolvemento desta cita.























