O Concello de Redondela homenaxeou ás xogadoras do Arealonga Fútbol Sala Chapela coa distinción “Orgullo Redondelán” tras proclamarse campioas galegas da categoría Preferente, un éxito que consolida o gran momento que vive o fútbol sala feminino no municipio.
Entre as deportistas recoñecidas destacan Carla García e Iria Mouro, que ademais acadaron o título de campioas de España coa Selección Galega Feminina Sub-12, contribuíndo ao histórico triunfo do combinado autonómico no campionato estatal.
A distinción “Orgullo Redondelán” tamén foi concedida ás xogadoras locais Laura Pereira, da SD Pazos de Borbén, e Martina Ucha, do FS Campito, integrantes igualmente da Selección Galega Feminina Sub-12 que se proclamou campioa de España.
O acto contou coa presenza da alcaldesa, Digna Rivas, e do concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, quen fixeron entrega dos recoñecementos ás xogadoras e puxeron en valor o esforzo, a dedicación e os éxitos acadados polas deportistas redondelás, un exemplo para as novas xeracións, ao tempo que contribúen a proxectar o nome de Redondela no panorama deportivo galego e estatal.









