A Asociación Deportiva e Cultural de Rande organiza este sábado, 13 de xuño, unha intensa xornada cultural coa celebración da XVII edición do Festival de música tradional-serán de Rende coa participación de varias agrupacións da contorna e unha visita comentada e teatralizada á Illa de San Simón.
A programación arrancará ás 16.00 horas coa recepción dos participantes nunha visita comentada e teatralizada á histórica Illa de San Simón. A actividade inclúe o traslado en barco ata a illa, unha visita guiada e teatralizada, merenda, un concerto de música tradicional e unha foliada popular con sorteos e a tradicional queima do balde. O prezo da actividade é de 20 euros para o público xeral e de 15 euros para socios e menores de 12 anos.
A partir das 19.30 horas, a celebración continuará coa XVII edición do Festival de Música Tradicional–Serán de Rande, unha cita xa consolidada que reunirá diferentes agrupacións da contorna. Sobre o escenario actuarán o Grupo de Pandereteiras Anaquiños, o Grupo de Gaitas Os do Matadeiro, as Pandereteiras O Carballo das Cen Polas, o Grupo de Gaitas Os Xuveniles, as Pandereteiras Recoiro, o grupo folk Acordecanto e a Agrupación O Estreito de Rande.
Desde a asociación organizadora subliñan que ambas iniciativas forman parte do seu compromiso coa promoción da cultura popular e da lingua galega. Ademais, durante o festival haberá servizo de comida e bebida, con chouripáns, empanadillas e bocadillos para todas as persoas asistentes.











