Carmen Varela e Silvia de la Iglesia son dúas das actrices que esta fin de semana subirán ao escenario para amosar todo o traballo feito ao longo do ano nas aulas de teatro comunitario que dirixe Roberto Casal. A obra “Arde Woke” poderase ver o sábado ás 20:00 horas e o domingo ás 19:00 horas. A peza do grupo adolescente leva por título “Bunker” e presentarase ao público o domingo ás 12:30.
As actrices que forman parte destas formacións salientan “o proceso creativo” que se desenvolve ao longo do curso e que permite mellorar as habilitades actorais de cada un dos participantes, pero sobre todo supón “un medio a través do cal expresarte”. Carmen Varela non dubida en animar a todos os que queiran probar teatro a participar desta “experiencia, onde estamos acompañadas dun grupo humano marabilloso”.
Neste sentido o director apunta que “o máis importante é que se xere un grupo baseado no respecto e na colaboración entre todos os integrantes da compañía”.
Logo de meses de ensaio os veciños e veciñas que conforman estas aulas de teatro comunitario presentan dúas obras.
O grupo de adultos protagoniza “Arde Woke” unha comedia ácida e disparatada que se mergulla nas complexas augas das políticas de censura cultural. A proposta mestura elementos da obra de Valle-Inclán, Luces de Bohemia, cunha mirada contemporánea e “esperpéntica” sobre o estado da creación artística hoxe en día. A representación poderá verse o sábado 20:00 e o domingo ás sete da tarde.
Pola súa banda, o grupo de adolescentes presentará na mañá do domingo, ás 12:30 horas, a obra “Búnker”, unha peza que fusiona a ciencia ficción co drama. Esta obra formula un escenario distópico onde os catro protagonistas quedan atrapados nun bunker a consecuencia dun apocalipse. Unha obra que é “unha montaña rusa de emocións”.
A entrada é aberta ao público e as persoas interesadas deben retirar previamente a súa entrada no conserxería do Multiusos da Xunqueira.













