Alberto Matilla despídese como adestrador do Pazos de Borbén FS tras tres tempadas nas que o técnico contribuíu a consolidar o primeiro equipo na Terceira División nacional. A despedida prodúcese de maneira consensuada entre e pola vontade do club de abrir unha nova etapa con dinámica renovada.
Matilla recoñeceu que a decisión non responde a un motivo concreto, senón á acumulación de circunstancias que adoitan aparecer co paso do tempo nos proxectos deportivos. “Cando estás adestrando a un nivel serio existe un desgaste. Ás veces, tanto o adestrador como os xogadores e o propio club necesitan outro enfoque e outra visión”, explica. O técnico considera que, tras varios anos escoitando “a mesma voz”, pode chegar un momento no que sexa necesario “sacudir un pouco o avespeiro” para favorecer novas dinámicas.
Aínda que deixa o banco do primeiro equipo, Matilla fixo fincapé en que os avances experimentados polo club durante este período son o resultado dun traballo colectivo. “O Pazos está mellor que hai tres anos, pero non só polo labor do primeiro equipo. O que fai crecer un club é o traballo diario coa base, a estrutura e a xente que está detrás na directiva”, sinala.
Nese sentido, destaca a evolución da entidade, que pechou a última campaña con arredor de 200 licenzas federativas, 14 equipos e logros como o ascenso do equipo infantil á Liga Galega. Ao mesmo tempo, considera que a consolidación do primeiro equipo nunha categoría nacional tamén contribuíu a reforzar a imaxe e a estabilidade do proxecto.
Á hora de repasar os momentos máis especiais da súa etapa, Matilla evitou quedarse cun único recordo, aínda que recoñeceu que o play-off de ascenso disputado a pasada campaña ocupa un lugar destacado. Aquel curso, o Pazos permaneceu durante toda a liga en postos de promoción e rematou terceiro clasificado, un resultado que o adestrador cualificou como “moi merecido”.
A afección ocupa un lugar central na súa valoración destes tres anos. Matilla considera que o respaldo recibido tanto nos bos como nos malos momentos foi un dos grandes activos do club e unha realidade pouco frecuente na categoría.
Sobre a campaña recentemente rematada, o adestrador realizou unha análise autocrítica. A pesar de que o equipo asegurou a permanencia con comodidade e concluíu na oitava posición, considera que o rendemento estivo por debaixo do potencial do grupo. “Sendo sincero, creo que non fixemos un bo ano porque podiamos ter conseguido mellores resultados”, admitiu. Para o técnico, a palabra que mellor define a tempada é “irregularidade”. O equipo estivo en varias ocasións preto de engancharse á loita polos postos de play-off, pero nunca logrou encadear unha serie de resultados positivos que lle permitisen dar ese salto competitivo.
Respecto ao seu futuro inmediato, Matilla non quixo adiantar decisións. O técnico seguirá ligado á selección galega sub-10, da que é seleccionador desde hai dúas tempadas, e admite que a súa situación persoal influirá na elección do seguinte paso profesional. “Recibín algunha oferta, pero non teño nada decidido”, comenta.
A pesar da súa saída, mantén unha relación estreita coa directiva e cos responsables do club e deixou claro que seguirá dispoñible para colaborar sempre que sexa necesario. Matilla reservou as súas palabras máis emotivas para a afección vermella. “Non é normal que un equipo de Terceira División leve tanta xente aos desprazamentos. Houbo partidos en Lugo ou na Coruña nos que parecía que xogabamos na casa. Só podo dicir grazas. Sempre recibín un trato fantástico”.











