Unha persoa foi atopada sen vida na tarde deste luns nunha piscina dunha vivenda situada na Subida ao Picoto, na parroquia de Chapela.
O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 17:20 horas, tras recibir unha chamada do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse do ocorrido á Policía Nacional e á Policía Local.
Unha vez desprazados ata o lugar, os equipos de emerxencia confirmaron o falecemento da persoa, que foi localizada no interior da piscina.
Por agora, non transcenderon máis datos sobre a identidade da vítima nin sobre as posibles causas do falecemento. As forzas e corpos de seguridade manteñen aberta unha investigación para esclarecer as circunstancias nas que se produciu o suceso.









