O Concello de Soutomaior vén de sacar a licitación as obras de humanización da rúa Roxelio Landeiro. A actuación permitirá transformar un dos principais accesos ao núcleo urbano de Arcade e dar continuidade ao proceso de humanización impulsado polo Concello.
A intervención forma parte do proxecto de renovación integral do núcleo urbano de Arcade impulsado polo Goberno municipal e foi posible tras a transferencia ao Concello da titularidade dos tramos da PO-264 correspondentes ás rúas Xosé Solla, Roxelio Landeiro e Calvario, unha demanda histórica que o executivo local conseguiu materializar despois de case dous anos de negociacións coa Xunta de Galicia.
O proxecto supón unha transformación profunda dun dos espazos máis relevantes do centro de Arcade. A actual vía presenta un importante estado de deterioro e unha configuración marcada polo tráfico rodado e pola insuficiencia dos espazos destinados ás persoas. Coa actuación prevista crearase un ámbito urbano renovado, integrado na contorna histórica da ponte de Ponte Sampaio e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.
A obra contempla a utilización de materiais nobres, como pedra e adoquín, así como a creación de espazos de convivencia mediante plataformas únicas, zonas verdes e novo mobiliario urbano. O obxectivo é mellorar a mobilidade peonil, incrementar a seguridade viaria e favorecer a actividade social e económica no corazón de Arcade.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “esta actuación representa un novo paso na transformación urbana que estamos impulsando en Arcade. Queremos construír un concello máis amable, máis accesible e máis preparado para o futuro, con espazos públicos que melloren a calidade de vida da veciñanza e contribúan á dinamización económica do municipio”.











