As Festas da Coca de Redondela arrancaron este mércores cun pregón cargado de emoción, reivindicación e sentimento colectivo da man de Carla Abad, vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán e adestradora da SAR. A choiva obrigou a trasladar o acto ao Multiúsos da Xunqueira, cuxo auditorio quedou pequeno para acoller o numeroso público que quería acompañar á pregoeira nun dos momentos máis agardados do inicio das celebracións.
Abad definiu a Festa da Coca como moito máis que unha celebración. No seu discurso evocou os sons, as imaxes e as emocións que cada ano enchen as rúas de Redondela: “o son da música da Danza das Espadas, o murmurio da xente enchendo as rúas, o cheiro das flores das alfombras ou as voces dos rapaces e rapazas que comezan a construír os seus propios recordos das nosas tradicións”.
A pregoeira destacou tamén o carácter integrador dunha festa que, ao seu xuízo, representa a esencia da vila. Sinalou que durante estes días Redondela “recoñécese a si mesma”, deixando de lado diferenzas para compartir un mesmo sentimento de pertenza, que vai desde o centro urbano ata as parroquias.
Nun dos momentos máis reivindicativos do pregón, Abad fixo unha defensa decidida da igualdade de oportunidades para as mulleres e animou ás máis novas a perseguiren os seus soños sen limitacións.
A emoción estivo presente durante boa parte da súa intervención. A adestradora da SAR lembrou a súa infancia na Xunqueira, un espazo que definiu como centro de xogos e aprendizaxes para varias xeracións de redondeláns. Tamén agradeceu ao Concello a oportunidade de exercer como pregoeira, un recoñecemento que quixo facer extensivo á súa familia, ás mulleres e ás nenas que aspiran a abrirse camiño no deporte e noutros ámbitos da sociedade.
O balonmán, disciplina á que leva ligada gran parte da súa vida, ocupou igualmente un lugar destacado no discurso. Abad tivo palabras de agradecemento para a súa “gran familia” da SAR e reivindicou o papel do deporte como ferramenta de formación e cohesión social.
Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor a traxectoria de Carla Abad, á que definiu como “un referente deportivo que abriu camiños para as mulleres”. A rexedora destacou ademais a importancia das Festas da Coca como patrimonio colectivo e agradeceu o traballo de todas as persoas que contribúen á súa organización e mantemento.
Rivas tivo unha lembranza especial para as alfombristas, os danzantes das Espadas, as Penlas, as Burras, os xigantes e cabezudos, así como para o persoal municipal e os colectivos culturais que fan posible que a tradición continúe viva ano tras ano.
O acto inaugural serviu tamén para render homenaxe a varias persoas destacadas polo seu compromiso coa festa. Entre elas, as alfombristas Josefa e María Alfonso, Daniel Hidalgo, Carla Soutullo, Josefa Calvar, Milagros Barreiro e Carmen Lorenzo. A Danza das Espadas homenaxeou igualmente ao antigo xefe de danzantes Bernardo Cobián e despediu a Thomas Schwarz, Xoel Schwarz e Fernando Santos, que pechan unha etapa de case dúas décadas vinculados ao grupo.
A xornada completouse co tradicional relevo das Penlas. Daniela Piñeiro entregou o gorro a Ashley Blanco, mentres que Sabela Gómez fixo o propio con Ainara Migueles. A entrega das ás a Martina Rodríguez e Mara Vidal e a primeira representación do baile oficial puxeron o broche a un acto que deu o pistoletazo de saída a unhas festas que, malia a choiva, comezaron cunha notable participación e cunha fonda carga emotiva.












