O Club de Remo de Chapela organiza este sábado, 30 de maio, a VI Bandeira WOFCO de Traiñeiras de Veteráns, correspondente á penúltima xornada da Liga Galega de Traiñeiras de Veteráns.
A competición, organizada polo Club de Remo Chapela, celebrarase a partir das 16:30 horas con saída desde o paseo de Cardona. Na regata participarán os clubs da Zona Territorial Sur na categoría masculina/mixta e feminina.
A cita chega nun momento decisivo da tempada, especialmente na categoría masculina/mixta, onde a clasificación permanece moi igualada. Apenas dous puntos separan ao terceiro, cuarto e quinto clasificados, polo que calquera resultado poderá provocar cambios importantes no podio provisional antes da última xornada da liga.
A VI Bandeira WOFCO consolídase así como unha das probas máis destacadas do calendario autonómico de traiñeiras veteráns, reunindo en Chapela a boa parte dos mellores equipos galegos da categoría nunha xornada que se prevé moi disputada.
O Campionato Galego de Traiñeiras en categoría veteranos xa ten data confirmada: celebrarase en Moaña o fin de semana do 6 e 7 de xuño, entre as embarcacións clasificadas tras os resultados da Liga. Unha campaña que seguirá tendo como escenario principal as augas moañesas, xa que os días 6 e 7 de xuño tamén se disputará o Campionato Galego -Bandeira Xunta de Galicia-.
Pola súa banda, o fin de semana do 13 e 14 de xuño, Meira acollerá un Campionato de España que, en principio, ía ter lugar en Baiona.










