O ente ferroviario trasladou ao concello o seu compromiso de retirar os pretiles de formigón por uns metálicos máis estreitos o que permitirá contar cunha vía cun ancho de seis metros (fronte aos catro actuais). A obra realizada por Adif provocara a mobilización da veciñanza ante o que cualificaban de “aberración urbanística”. Digna Rivas amosa a súa satisfacción por este cambio que di “permite ampliar a calzada e dar resposta ás demandas veciñais”. Con todo, Adif informou que a instalación da valla antivandálica manterase de forma obrigatoria cuestión esta que os veciños rexeitan.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) aceptou os cambios repropostos polo Concello para mellorar a circulación de vehículos e peóns no paso elevado da Portela. O xestor ferroviario confirmou oficialmente á alcaldesa a viabilidade técnica para ampliar o paso superior do camiño A Portela ata os 6 metros de ancho.
Dende o Concello trasladáraselle a Adif un escrito solicitando que se reformara a obra tras numerosas mobilizacións veciñais que o pasado mes de abril chegaban tamén ao pleno, onde se aprobaba por unanimidade reclamar unha actuación urxente na ponte recentemente reconstruída, tras quedar reducida a un carril de catro metros que dificulta o paso de dous vehículos e xera situacións de risco, especialmente nun tramo con escasa visibilidade.
A decisión de Adif foi recibida pola alcaldesa con satisfacción “este cambio estrutural supón un acto de xustiza para o barrio, xa que a modificación do proxecto garante que a veciñanza da Portela teña un paso que realmente cumpre coas súas necesidades do día a día e que os veciños merecen, logo de soportar durante meses unas obras que lles causaron moitas molestias”, recalcou.
Detalles técnicos do novo proxecto
O proxecto inicial de Adif contemplaba un ancho de calzada de 4 metros protexido por bloques de formigón. A substitución destes elementos por pretiles metálicos máis estreitos, permitirá gañar 2 metros. Con este cambio, o paso superior amplíase a sección ata os 6 metros, cunha calzada compartida para tráfico rodado e peonil, sen beirarrúas elevadas. O resultado adáptase ao deseño do camiño antes e despois da ponte.
Con todo Adif informou que a instalación da valla antivandálica manterase de forma obrigatoria “por estrita normativa de seguridade ferroviaria” cuestión esta que os vecinos rexeitan.









