Pazos de Borbén FS e Redondela FS Rodavigo resolveron con autoridade os seus respectivos encontros da xornada.
REDONDELA F.S. RODAVIGO – ADC LUGO SALA “B” (10-1)
O Redondela FS Rodavigo venceu con contundencia, non deu opción ao ADC Lugo Sala B e asinou un contundente 10-1. Carlos, con dous goles, e Mario, con tres, lideraron o ataque redondelán, mentres que Alejandro, César, Javier, Fabio e Miguel completaron a ampla goleada.
Desde o club valoraron moi positivamente o rendemento do equipo, especialmente na primeira metade, na que a efectividade permitiu transformar en gol practicamente todas as ocasións xeradas. O Redondela suma así dúas vitorias e dúas derrotas nas catro primeiras xornadas.
O inicio de campaña está a ser positivo, aínda que o equipo afronta a competición condicionado polas numerosas lesións que afectan tanto ao primeiro equipo como ao filial e ao xuvenil. Neste momento, o conxunto redondelán conta con catro baixas no primeiro equipo, despois de recuperar recentemente dous futbolistas.
O seguinte compromiso será esixente. O Redondela FS Rodavigo visitará o venres, ás 22:00 horas, o Meigallos en Sarria, un dos equipos sinalados como favoritos para pelexar polos postos altos da categoría. O obxectivo será prolongar a dinámica positiva e, ao mesmo tempo, seguir corrixindo os aspectos do xogo que o equipo considera que aínda debe mellorar.
S.D. PAZOS DE BORBEN FS – POIO PESCAMAR F.S (7-2)
O Pazos de Borbén FS tamén sumou tres puntos tras superar por 7-2 o Poio Pescamar nun encontro no que os locais foron de menos a máis e acabaron impoñéndose con claridade. Pereira e Luis, con dous tantos cada un, foron os principais protagonistas no apartado goleador, mentres que Jacobo, Diego e Legazpi completaron a goleada.
O equipo dirixido por Pablo Durán sitúase agora na cuarta posición da clasificación, con 9 puntos. Desde o club destacaron o traballo realizado durante o encontro e sinalaron que o equipo soubo ser especialmente eficaz na recta final para decantar definitivamente o marcador ao seu favor.
A próxima xornada levará o Pazos a unha das pistas máis complicadas da categoría, coa visita ao Outeiro de Rei, nun duelo que o propio club define como “todo un clásico da Terceira Galega” e no que se reencontrará con vellos coñecidos.
Preferente
A QUINTA TUI F.S. – CAMPITO CHAPELA F.S. (4-6)
O Campito Chapela FS conseguiu os tres puntos na súa visita á pista do A Quinta Tui FS, onde se impuxo por 4-6. O conxunto berete sumou así unha nova vitoria nunha xornada na que conseguiu manter a vantaxe ata o final.
Na próxima xornada, o Campito Chapela recibirá o Baiíña FS.
E.D. VIGO 2015 – REDONDELA FS “B” (7-4)
O filial do Redondela FS tamén asinou unha vitoria a domicilio ao superar por 7-4 o E.D. Vigo 2015. O conxunto redondelán soubo sacar adiante un encontro con protagonismo ofensivo.
A seguinte xornada levarao ata a pista do A Gudiña FS.
C.D. MOSTEIRO BEMBRIVE FS – S.D. PAZOS DE BORBEN FS “B” (6-1)
O filial do Pazos de Borbén non puido repetir o resultado do primeiro equipo e caeu por 6-1 na pista do CD Mosteiro Bembrive FS. Os locais conseguiron abrir diferenzas no marcador e os visitantes non atoparon a reacción necesaria para equilibrar o encontro.
Na próxima xornada, o Pazos B recibirá o CD Beade.
Primeira Galicia
CAMPITO CHAPELA F.S. “B” – CLUB DEPORTIVO LA PEÑA (6-8)
O Campito Chapela FS B non puido puntuar ante o Club Deportivo La Peña, que se levou o triunfo por 6-8 nun encontro con numerosos goles. O filial berete tentou manterse no partido ata os últimos minutos, pero finalmente non puido evitar a derrota.
A próxima xornada visitará a pista do Escola Futsal Morrazo.
CERDEDO-COTOBADE FÚTBOL SALA – AREALONGA FS CHAPELA (2-4)
O Arealonga FS Chapela pechou a xornada cunha importante vitoria por 2-4 na pista do Cerdedo-Cotobade Fútbol Sala. O equipo de Chapela soubo controlar o encontro e asegurar un triunfo que lle permite continuar avanzando na competición.
Na seguinte xornada, o Arealonga FS Chapela recibirá o CD Miralba.









