Hoxe é Mércores 30 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Educación cubrirá cun mestre de Primaria a aula de 4º do Alexandre Bóveda

alexandre

A Consellería de Educación comunicou ás familias do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela que o centro contará cun mestre de Educación Primaria para atender o alumnado de 4º, que permanecía sen docente desde o inicio do curso. A incorporación permitirá manter separados os tres grupos de Educación Infantil, tal e como estaban organizados desde o comezo do curso, e evita así o traslado dunha mestra de Infantil a Primaria.

A decisión responde ás demandas da comunidade educativa, que reclamara a cobertura da praza de Primaria sen reducir os recursos dispoñibles na etapa de Infantil.

As familias do centro denunciaran que o alumnado de 4º de Primaria levaba sen profesor desde o pasado 9 de setembro. Segundo explicaba a ANPA, a praza estaba reservada a un docente en comisión de servizos, pero a Administración non incorporara persoal interino para cubrir a vacante.

Ante esta situación, o 18 de setembro propúxose trasladar unha mestra de Educación Infantil a Primaria. A medida obrigaría a reunir nunha única aula os grupos de 5º e 6º de Infantil, unha proposta que as familias consideraron un «parche» porque, na súa opinión, trasladaba o problema dunha etapa educativa a outra.

A comunidade educativa advertía, ademais, de que a falta de profesorado estaba afectando ao funcionamento do conxunto do centro e, especialmente, ao alumnado que precisa apoio educativo específico. Por este motivo, a ANPA iniciou unha campaña de recollida de sinaturas e anunciou a súa intención de solicitar unha reunión coa Inspección Educativa.

As familias tamén advertiran de que non descartaban mobilizacións se a Consellería non atendía as súas demandas. Finalmente, a decisión de incorporar un docente de Primaria resolve a falta de profesorado en 4º e permite manter a organización dos grupos de Educación Infantil prevista polo centro desde o inicio do curso.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará