A SAR OPmobility xa está na final da Copa Federación despois de superar con autoridade ao Balonmán Arteixo (36-17) na semifinal disputada esta fin de semana na casa, no pavillón Municipal da Bomboneira.
O conxunto redondelán saíu moi intenso desde o inicio, cunha defensa sólida e un ataque eficaz que lle permitiu abrir rapidamente unha importante vantaxe. Aos dez minutos, a SAR OPmobility xa dominaba por un claro 8-0. O equipo mantivo o control durante toda a primeira metade e chegou ao descanso cun 17-9 no marcador.
Tras o paso polos vestiarios, o guión mantívose. Os locais continuaron mostrando unha gran fortaleza defensiva e aproveitando as súas oportunidades en ataque para aumentar progresivamente a diferenza. Finalmente, a SAR OPmobility pechou o encontro cun contundente 36-17, certificando así o seu pase á final da Copa Federación.
O equipo redondelán afrontará agora o inicio da liga de Primeira Autonómica, coa visita á pista do Atlético Novás B.
Non tivo a mesma sorte o Balonmán Chapela, que quedou eliminado da Copa Federación xa na anterior xornada tras caer ante o Carballal por 23-28. O resultado deixaba o conxunto de Chapela fóra da competición despois de rematar na terceira posición do seu grupo.
O equipo afrontará agora o comezo da liga de Primeira Autonómica cun partido na casa. O Pavillón Municipal Manuel González Soto recibirá ao Arteixo na primeira xornada.
Vitoria da SAR Globalmar no inicio da liga
Pola súa banda, a SAR Globalmar comezou esta fin de semana a súa participación na Segunda Autonómica cunha vitoria ante o Balonmán Narón (34-23).
O equipo redondelán entrou ben no encontro e conseguiu tomar vantaxe desde os primeiros minutos, chegando a dominar por 8-4. A diferenza foi aumentando progresivamente ata chegar ao descanso cun 16-9 favorable.
Na segunda metade, a SAR Globalmar mantivo o control do partido e non permitiu a reacción do conxunto visitante. Finalmente, os locais certificaron a súa primeira vitoria ligueira cun claro 34-23.
Na próxima xornada, a SAR Globalmar desprazarase á pista do Balonmán Pontedeume.









