Hoxe é Venres 14 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Lenda recolle máis de 22.000 tapóns de cortiza

lenda

A campaña “Re-Cortiza” da Concellería de Medio Ambiente, Lenda e Amorim Cork acada preto de 100 quilos de tapóns de cortiza grazas á implicación da hostalaría local. Desde o Concello faise un chamamento á cidadanía e aos negocios para seguir sumando apoios.

Desde a asociación Lenda, que recolle e clasifica as rollas das botellas, sinalan que reuniron xa preto de 100 quilos de cortiza, o que equivale a máis de 22.000 tapóns retirados do lixo común. Este proxecto que leva pro nome “Re-Cortiza” pecha así seu primeiro ano cun dobre balance positivo: o beneficio social, co protagonismo da asociación redondelá Lenda, e o proveito ambiental.

O proxecto converteuse nunha ferramenta de integración e visibilidade para as persoas usuarias do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da asociación de saúde mental Lenda, encargadas de recoller de xeito periódico os tapóns de cortiza nos bares e restaurantes adheridos para logo clasificalos e almacenalos.

Esta tarefa proporciónalles unha rutina laboral, fomenta o traballo en equipo e mellora a súa autonomía. Ademais, en virtude do acordo acadado con empresa Amorim Cork, a empresa remunerará economicamente a Lenda polos quilos de cortiza entregados, un retorno económico directo que se investirá en mellorar os programas sociais e terapéuticos da entidade.

No aspecto medioambiental, ‘Re-CORTIZA’ cumpriu o obxectivo de evitar que este volume de residuos rematase nos vertedoiros, transformándoo nun recurso de gran valor. A implicación dos hostaleiros de Redondela permitiu canalizar a cortiza cara á economía circular. Agora, grazas á empresa Amorim Cork, este material natural terá unha segunda vida útil en sectores punteiros da construcción como illamento e revestimento, para a fabricación de compoñentes aeronáuticos, material deportivo ou artesanía.

O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, amosouse moi satisfeito con este dobre impacto e fai un chamamento á hostalaría porque é onde máis se xera este residuo, pero tamén a cidadanía en xeral para que se sumen a este proxecto.

Para os locais comerciais o proceso é totalmente de balde, tan só teñen que contactar co Concello de Redondela ou directamente coa Asociación Lenda. O persoal do proxecto achegarase ao local para deixarlles un colector de cartón específico da campaña. Cando o colector estea cheo, as persoas de Lenda pasarán de xeito periódico a recollelo e baleiralo.

Dende o Goberno local animan tamén á veciñanza a colaborar a nivel particular depositando as rollas de cortiza nos colectores que poden atopar en diferentes edificios municipais como a Casa do Concello, os Multiúsos da Xunqueira e Piñeiral do Crego e as Prazas de Abastos de Redondela e Chapela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará