Hoxe é Xoves 2 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un novo balcón sobre a ría en Arealonga

arealonga2

A Autoridade Portuaria inaugurou onte a nova praza de 875 metros cadrados na praia de Arealonga en Chapela. O espazo que anteriormente ocupaba un restaurante foi acondicionado para crear un lugar de encontro para a veciñanza, coa eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora da iluminación. A obra supuxo un investimento de 290.000 euros. Cadeiras de cor amarela que non quecen co sol e unha oliveira son algúns dos elementos distintivos deste balcón sobre a ría.

O presidente da institución, Carlos Botana, visitaba este mércores o resultado dos traballos acompañado polos veciños da contorna, coincidindo coa apertura deste enclave renovado.  A intervención, desenvolvida sobre unha superficie aproximada de 875m2 supón un cambio profundo na relación entre este enclave portuario e a cidadanía, priorizando o uso peonil fronte ao tráfico rodado e apostando por un modelo urbano máis seguro, accesible e sustentable.

O novo deseño dá preferencia aos peóns mediante unha plataforma única que permite a convivencia e contribúe a reducir a velocidade dos vehículos. Unha actuación que foi posible logo dá demolición do antigo restaurante Arealonga, eliminando así unha barreira visual que permitiu recuperar as vistas e poñer en valor a paisaxe e ou patrimonio.

Deste xeito, a área concíbese agora como unha praza aberta, flexible e polivalente, preparada para acoller actividades veciñais, encontros sociais e zonas de descanso e contemplación do mar, desde onde  gozar da ría de Vigo e a praia de Arealonga.

Para logralo, a seguridade e a accesibilidade foron criterios fundamentais. A eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora da iluminación converten este ámbito nun lugar máis cómodo e seguro para todos os usuarios.

A sustentabilidade constitúe outro dos alicerces da actuación. Neste sentido, instalouse un novo sistema de iluminación que incorpora luminarias LED alimentadas mediante enerxía solar, grazas a placas fotovoltaicas integradas e sistemas de xestión intelixente que optimizan o consumo enerxético.

A intervención complétase coa incorporación de zonas vexetais, sistemas de drenaxe sustentable e nova mobiliario urbano que mellora a calidade ambiental e paisaxística da contorna. Un dos elementos máis rechamantes son as cadeiras de cor amarela e no apartado de paisaxismo, destaca unha oliveira que se conformou como o elemento diferenciador e representativo da área, ademais dun arborado que humaniza e naturaliza o espazo. 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará